A oposición critica a falta de previsión dun goberno á deriva e que converte en problema todo o que toca

A empresa adxudicataria renunciou e a un día de que remate o prazo o Concello espera resposta da única empresa que queda no concurso

Advirte a oposición da gravidade da situación e pregúntase que acontecerá se a empresa que queda renuncia tamén

Un novo capítulo ábrese no horizonte para o Concello de Ames e o Goberno, en particular. Desta vez o problema non é nin as escolas deportivas, nin a licitación da auga, nin os orzamentos ou o cobro retroactivo do lixo, desta vez o problema co que se enfronta o Goberno son os comedores escolares. Rematadas as prórrogas do contrato que se tiña coa anterior empresa que prestaba o servizo de monitoraxe dos comedores escolares, o Goberno tivo que quitar unha nova licitación para a contratación dos vindeiros anos deste servizo básico para os amienses. O anterior contrato que foi aprobado en 2010 foi resolto por un período de 2 cursos, con prórroga de dous máis, dando comezo no curso 2010/11 e ata o 2013/14 período no que remataba. Chegado polo tanto ao presente curso 2014/15 o Goberno debía licitar o servizo para os vindeiros anos pero a falta de previsión e de capacidade dos que nos gobernan en minoría levou ao Concello a ter que facer apresa e correndo a licitación dun servizo que aglutina a mais de 1.000 usuarios, nenos e nenas que desfrutan dun servizo que é considerado tanto polo PSOE como por Ames Novo como a “xoia da coroa” dos servizos de Ames.

A situación actual da licitación dos comedores escolares é a seguinte: A empresa que prestou o servizo nos últimos anos non se presentou a este novo concurso quedando tan só dúas empresas para xestionar este servizo de monitoraxe. Despois da apertura de sobres resultou gañadora a empresa COESCO S.L diante da outra empresa A BILLARDA S.L. O pasado 12 de Agosto a xunta de goberno local anunciou a clasificación das ofertas e a adxudicación do servizo á empresa COESCO pero esta empresa renunciou deixando ao Goberno nunha situación límite a caótica. Mañá sábado 30 de Agosto rematará o prazo para que a única empresa presente conteste ao Concello se se fará cargo ou non do monitoraxe dos comedores escolares e a tan só 10 días do comezo da actividade.

A situación actual é catalogada por ambos grupos municipais como “moi crítica”, e “esperpéntica” xa que como consecuencia desa falta de capacidade do Goberno atopámonos a tan só un día de coñecer se a única empresa que queda aceptará ou non facerse cargo do servizo. Para a oposición o Goberno sitúa ao Concello aos pes dos cabalos novamente e desta vez con outro servizo básico que afecta a moitas familias de Ames, inclusive aos máis pequenos. Se hai un ano o “batacazo” o deron cunhas escolas deportivas moi por debaixo da calidade coas que se viñan prestando e cun servizo deficiente que co tempo propiciou a baixa xeneralizada de moitos usuarios e usuarias, neste novo curso o Goberno ataca directamente a liña de flotación de Ames e aos seus comedores escolares poñendo en grave perigo o seu inicio. Para Ames Novo e PSdeG é indignante que o Concello e os pais e nais de Ames se atopen con esta nova sorpresa, e resulta lamentable que como sempre esteamos coa auga ao pescozo e cheguemos a todos os asuntos tarde, mal e a rastras. Para a oposición houbo tempo máis que suficiente para prever todas as anomalías e de terse iniciado antes o mesmo, e de ser así non estariamos agora nesta caótica situación. Pregúntanse os concelleiros e concelleiras de ambos grupos que acontecerá se mañá a empresa Billarda decide renunciar tamén ao concurso deixando sen empresa a 10 días do comezo da actividade?

Os voceiros de ambos grupos, Pilar Candocia e Jose Miñones avisan ao Goberno de Ames que non se van a quedar parados nin calados ante esta nova chapuza do PP amiense e loitarán por uns comedores escolares de calidade como os ofertados ata a chegada do PP ao goberno. “Non imos a consentir que se carguen este servizo que é a envexa de outros moitos concellos e un referente a nivel español”, afirman os voceiros socialista e de Ames Novo.

Para os grupos da oposición non existen escusas neste asunto e piden responsabilidades de aqueles que nos gobernan pola falta de previsión e capacidade. “Sabíase dende hai 4 anos que este concurso se tiña que sacar e a necesidade dunha nova licitación polo que non se poden escudar na falta de coñecemento nin sorpresa algunha pola renuncia das empresas”. Non é a primeira licitación coa que este Goberno amosa as súas carencias e falta de resolución xa que repetidamente os amienses atopámonos cun goberno incapaz. Así aconteceu coa licitación do servizo de auga e abastecemento que segue na actualidade e a 4 días do seu remate sen licitar; igualmente aconteceu co servizo de xestión de tributos que inicialmente se abrira para logo retirar e de novo volverse abrir e pendente de presentación de ofertas; tamén co servizo de lacería que non atopou empresa algunha na súa primeira licitación, ou co servizo das copiadoras e fotocopiadoras que tamén quedou deserto no seu momento. Son datos e feitos demostrables de que “este Goberno non ten capacidade para xestionar nin solucionar os asuntos para os que os veciños lles puxeron ao fronte do Concello e por iso a estas alturas non podemos tolerar un novo capítulo lamentable que afecte aos mais pequenos do noso Concello e ao mellor servizo que presta o Concello, os comedores escolares e os máis de 1000 usuarios e familias amienses”, sentenza nos voceiros do PSOE e Ames Novo.