As dúas empresas presentadas ao concurso renunciaron a asumir as condicións do contrato
O descontrol, a improvisación e a falta de información xa é norma no goberno de Ames, pero agora manteñen en vilo a mil familias
O PSOE e Ames Novo trasladaron unha serie de preguntas para coñecer a situación e poder actuar no seu caso
A semana pasada os representantes do Grupo Socialista e de Ames Novo preocupábanse por esta cuestión no Pleno, sabendo que a primeira empresa clasificada no concurso (Coesco) xa renunciara e que a 2ª (A Billarda) estaba analizando as condicións. Naquela altura xa advertimos da gravidade da situación a dúas semanas do comezo do curso, e solicitabamos que houbese prevista algunha solución no caso de que a segunda empresa tampouco aceptara, e así o trasladamos á opinión pública o pasado sábado. Hoxe luns, primeiro de setembro, sabemos que ningunha das empresas aceptou as condicións logo de presentarse ao concurso, o cal dá mostra do desgoberno en dous sentidos. Por unha parte, os concursos desertos xa están sendo norma en Ames debido á incapacidade do goberno e, por outra, non se realizan coa previsión necesaria e por tanto cando os concursos quedan desertos non hai marxe de manobra para resolver o problema con garantías.
Nesta ocasión son máis de mil familias as que están en vilo polo servizo de comedores. Ambos grupos coincidimos que o educativo e de conciliación de Comedores é un dos servizos municipais máis importantes, e sen embargo o goberno Popular non foi capaz de tramitar co tempo suficiente para que estivese operativo unha vez que remataba a prórroga da anterior empresa. De novo as familias usuarias e a cidadanía en xeral son as principais sufridoras do desgoberno do Partido Popular.
Ante esta situación de extrema gravidade -o curso comeza o día 10 de setembro-, o Partido Socialista e Ames Novo rexistraron conxuntamente na mañá deste luns unha serie de preguntas:
- Cal vai ser a solución para resolver este problema e que o servizo de comedores comece en prazo?
- Como vai mudar a prestación e o custo do servizo? Vaise modificar a atención dos usuarios deste servizo educativo e de conciliación?
- Cales foron os motivos de que as empresas Coesco S.L e A Billarda non aceptasen as condicións do servizo unha vez que concorreron ao concurso.
- Vaise informar ás familias usuarias desta situación?
Queremos saber como se vai resolver, e como vai afectar ás familias usuarias. Non podemos poñer en perigo este servizo tan necesario pola incompetencia dun goberno. É impresentable que o seu desgoberno e irresponsabilidade manteña en vilo a tantas familias de Ames. Os representantes de Ames Novo e do grupo Socialista estarán moi atentos a evolución da situación para procurar que non se pon en perigo o servizo de comedores, nin a súa calidade, e de non ser así actuar en consecuencia.