O Goberno debe actuar sen dilación e trasladar toda a información á oposición e aos afectados.

No escrito presentado o Grupo Socialista tamén pide a modificación dos relatorios catastrais e a actuación de oficio por parte da oficina do Catastro.

Os Socialistas de Ames veñen de presentar por rexistro un escrito dirixido ao Alcalde no que solicitan información técnica acerca da aplicación da sentenza do Tribunal Supremo e o seu alcance en Ames. Queren coñecer de primeira man, e por parte dos técnicos do Concello, en que maneira afecta a Ames dita sentenza ademais de saber as parcelas que serían de aplicación directa da mesma.

O pasado 30 de Maio o Tribunal Supremo ditou sentenza nº 2159/2014 na que se conclúe que a efectos catastrais do IBI, é rústico o solo urbanizable que esixe para o seu desenvolvemento un plan parcial ou programa de execución, tendo polo tanto ditas parcelas a obriga de contribuír co pago do correspondente IBI. Isto conleva directamente que aquelas parcelas que non teñan un plan parcial ou programa de execución aprobado non deben ter que pagar un IBI urbano senón que deberán pasar a IBI rústico coa consecuente redución de prezo para os seus propietarios. Os Socialistas de Ames sabemos que isto afectará directamente a varios propietarios de parcelas en Ames e polígonos moi específicos beneficiando a moitas persoas que a día de hoxe están a pagar unhas cantidades económicas por un solo urbanizable que non se corresponde coa realidade. Para coñecer de primeira man o alcance desta sentenza os Socialistas queremos coñecer de man dos técnicos do Concello como afectará a mesma aos veciños e veciñas de Ames e a que parcelas ou polígonos concretos lles será de aplicación. “Creemos inxusto, e así o temos manifestado, que veciños e veciñas de Ames estean pagando unha cantidade de diñeiro por unhas parcelas que teñen unha categoría que non se axusta á realidade”, afirma Miñones.

No escrito presentado os Socialistas tamén piden a modificación dos relatorios catastrais de aqueles propietarios de terreos con plans parciais ou programas non desenvolvidos para evitar maiores prexuízos sobre os mesmos. Para o Grupo Socialista é importante ter esta información de primeira man antes de facer calquera outra iniciativa xa que “son moitos os meses nos que levamos traballando por atopar unha solución a unha problemática dos veciños dun polígono concreto e que agora pode ter cabida unha solución a raíz desta sentenza”.

Piden que o Catastro actúe de oficio na corrección do relatorio de valores
Por último, no escrito requiren da oficina do Catastro a corrección nos valores indebidos, de terse producido, e que dita corrección se faga de oficio unha vez se traslade toda a información por parte do Concello. Esperan os Socialistas que o Goberno de Amor non poña trabas neste asunto que atinxe de maneira directa aos bolsillos de moitos amienses e colabore activamente na elaboración dos informes necesarios. Recordan que as parcelas que non teñen perspectivas urbanísticas tampouco poden venderse por ter que pagar un imposto de transmisións que a día de hoxe resulta irreal e polo tanto se ven dobremente prexudicadas. A sabendas que a competencia do cambio de categoría do IBI non é municipal senón de Facenda, e esperan que se actúe rapidamente na petición sobre as parcelas afectadas no noso municipio e non se dilate no tempo como outros moitos asuntos importantes de Ames.