Esta semana visitaron Ventosa invitados polos veciños e comprobaron “in situ” o lamentable estado que presenta
Miñones di que “os socialistas apostan por proxectos sostibles para Ames e o Camiño de Santiago é un eixo importante que é necesario promocionar e preservar”
Recriminan ao alcalde que fale moito do Camiño e se quite fotos nel, pero que teña tramos abandonados.
Recentemente a Directora Xeral de Turismo acompañada do alcalde de Ames visitaron un tramo do Camiño que vai de Santiago de Compostela a Fisterra -tamén coñecido como Camiño Real- ao seu paso polo concello de Ames. O motivo desta visita, segundo explicaron era o de comprobar o bo estado do mesmo e o desenvolvemento das obras que financia a Xunta de Galicia.
Pero, explican os socialistas os socialistas de Ames, que non todos os tramos deste Camiño teñen a mesma sorte, xa que a poucos quilómetros de onde o alcalde e a directora xeral quitaron as fotos hai un tramo duns trescentos metros que presenta un palpable estado de abandono, a pesares de que os veciños e veciñas desta zona protestaron en diversas ocasións. “Esta semana comprobamos in situ invitados polos veciños de Ventosa o estado deste tramo o cal o concello e a Xunta se esqueceron de arranxar ou de incluír nalgúns dos plans existentes e que financiou a entidade autonómica” , di o portavoz socialista José Miñones. O tramo que cruza a aldea de Ventosa de abaixo amosa dúas zonas nas que existe formigón nunha delas e terra noutra, e ambas necesitan dun arranxo inmediato. Na primeira apréciase que o cemento está deteriorado a raíz de varias causas, tales como unhas obras de saneamento realizadas e o desgaste producido pola choiva; o de terra presenta varios baches e pozas formadas pola choiva, sendo a máis grande a que se atopa ao carón dun rego que cando chove moito forma unha poza grande con barro e lama, e que dificulta o paso por ese lugar.
Os socialistas reproban ao goberno municipal este abandono dun tramo concreto do Camiño do cal teñen coñecemento, xa que, como dixemos antes, veciños do lugar puxeron en coñecemento o estado do mesmo; polo que, está claro que o alcalde sabe que hai tramos en mal estado e renuncia a arranxalos, “e de maneira premeditada sácase fotos e presume do bo estado do Camiño cando sabe que a realidade é outra ben distinta”, afirma o portavoz do Grupo Socialista.
O PP de Ames nunca lle prestou demasiada atención ao Camiño de Santiago
Afirman os socialistas con rotundidade que ao goberno do PP de Ames nunca lle prestou demasiada atención ao Camiño de Santiago, a pesares de ser o noso municipio un dos poucos que posúe dous tramos distintos: o Camiño Portugués e o Camiño a Fisterra. E, investir no Camiño é apostar por unha nova vía de desenvolvemento para Ames, xa que son moitas as persoas que durante os últimos anos fan o Camiño de Santiago, en especial o que vai a Fisterra e Muxía, que notou un incremento de case un 30 por cento de peregrinos, polo que é positivo e importante que estes leven unha boa imaxe do noso concello para que poida ter un efecto retorno. “Os socialistas apostamos por desenvolver Ames cara a proxectos máis sostibles, e o Camiño de Santiago é un eixo importante do noso proxecto pola súa importancia, e polo tanto é necesario promocionalo e preservalo”, anuncia Miñones.
Aos socialistas todas esas propostas que nos últimos días realizou o alcalde amiense, nas que por exemplo fala de construír un albergue no Milladoiro, parécenlle propostas artificiais e de cara a galería, xa que o primeiro que ten que facer e comprometerse a arranxar os tramos do Camiño e que a imaxe de Ames sexa positiva, e despois facer un estudio de necesidades para potenciar Ames a través do Camiño de Santiago. “Xa estamos acostumados a que Santiago Amor fale e fale, pero non faga nada do que di, e iso é algo que se pode constatar e comprobar ao longo destes tes anos de lexislatura, pero o primeiro que ten que facer é arranxar os tramos do Camiño en mal estado e que empece por Ventosa”, conclúe José Miñones.