A infraestrutura consiste nunha aula instalada na Casa de Cultura de Bertamiráns, e foi posta en marcha durante a lexislatura anterior e depende da Xunta de Galicia.

Miñones interésase por esta dotación e pide explicacións de cales son as razón que a levaron ao seu peche por parte do goberno amiense, o encargado de contratar a un axente TIC.

Os Socialistas de Ames consideran esta infraestrutura como básica para a expansión tecnolóxica da sociedade do municipio amiense

Xa son varios os meses nos que a Aula CEMIT de Bertamiráns permanece pechada sen que desde o Concello se expliquen as razóns que a levaron a estar clausurada. Lembramos que a Aula CEMIT foi unha iniciativa do goberno socialista no último ano da anterior lexislatura (2011) e co que se pretendía promover a alfabetización dixital dos veciños e veciñas de Ames facendo neste espazo actuacións cara unha implantación dos servizos electrónicos e un maior acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Para elo o goberno do PSdeG-PSOE da lexislatura pasada asinou a adhesión á rede CEMIT mediante acordo coa Axencia de Modernización Tecnolóxica –no mes de febreiro de 2011- e na que o Concello comprometíase a ceder un local para a súa ubicación e a contratación dun axente TIC para o desenvolvemento da aula, mentres que a Xunta dotaría dos equipos informáticos e dos cursos necesarios desta aula.

Durante os primeiros anos a aula CEMIT estivo funcionando na Casa de Cultura de Bertamiráns logo da contratación do axente TIC e compaxinando horario co servizo de aula de informática para acceso libre dos veciños e veciñas.

Un novo exemplo de parálise e deixadez
A situación que na actualidade vive a aula CEMIT é a mesma que a do concello, en xeral: unha situación de parálise e deixadez. As portas do centro permanecen pechadas para os usuarios dende fai varios meses de forma que no centro non se realizan nin cursos, nin actividades, nin tampouco se permite a súa entrada para o uso informático básico. “En pleno século XXI o Concello máis xove de toda Galicia, cunha poboación de media de idade de 37 anos e nun do seus núcleos principais, Bertamiráns, non conta cunha aula ou centro informático onde poder realizar cursos ou conectarse a Internet”, afirma Miñones, e continúa o socialista dicindo que “o peor de todo é que xa existía e este goberno decide unilateralmente pechala e poñerlle fin a un servizo e a un investimento que tiña contrastada a súa utilidade”.

Recentemente o Grupo Socialista solicitou por escrito explicacións dos motivos que levaron a que esta aula se manteña pechada e asemade preguntaron no último pleno ordinario sobre este asunto sen que o alcalde se dignase en ningún dos casos a dar contestación algunha. Para Miñones “a situación é desoladora e unha clara mostra de retroceso, e non entenden como se pode manter pechada a única aula informática a cerca de 10.000 veciños e veciñas”.

Oferta de colaboración para unha infraestrutura básica
Os Socialistas de Ames consideran esta infraestrutura como básica para a expansión tecnolóxica da sociedade do noso municipio, e que redunda directamente no plan de desenvolvemento dunha administración electrónica que perseguía o anterior goberno do PSdeG-PSOE, e que aínda teñen como obxectivo na actualidade os membros do Partido Socialista. Por esa razón a dirección do PSdeG ofrécelle ao goberno municipal a súa experiencia e colaboración para poñer en marcha novamente esta infraestrutura, e cren que é importante saber poñer ao marxe posibles intereses partidarios porque os e as amienses acabarán agradecéndonos o traballo conxunto e a colaboración para volver a poñer en marcha esta iniciativa. Anuncia o portavoz municipal socialista que “nos vindeiros días presentaremos ao goberno a nosa dispoñibilidade para sacar este asunto adiante e esperamos que se nos facilite toda a información necesaria sobre este asunto de cara a poder facer as nosas propostas, e así mesmo que este ofrecemento sexa compartido e tomado en consideración pola alcaldía”.