O PSdeG solicitaralle ao goberno as explicacións oportunas, e barallan a posibilidade de reprobar aos membros do goberno que adoptaron esta absurda decisión.
Pecharon o servizo para que os traballadores e traballadoras asistisen a unhas xornadas de Igualdade organizadas polo Concello de Ames.
O Partido dos Socialistas de Ames manifestan publicamente o seu asombro ante a chamada de varias persoas que se encontraron no día de hoxe coas portas das dependencias dos servizos sociais municipais pechadas. O motivo da medida tomada polo goberno que dirixe Santiago Amor, parece ser que debida a que os traballadores e traballadoras municipais deben de asistir a unhas xornadas sobre igualdade que está organizando o concello amiense; polo que, os socialistas din non entender que alguén pode tomar unha decisión deste estilo, a que cualifican como moi grave, porque un servizo tan importante coma este non se pode pechar por un capricho dos responsables municipais e privar aos veciños e veciñas que necesiten acudir a este servizo do seu uso durante catro días seguidos, porque ata o vindeiro luns non volverá a abrirse.
Nesta decisión nada teñen que ver os profesionais
Os socialistas queren deixar claro que son conscientes que nesta decisión nada teñen que ver os profesionais do servizos sociais, senón que é unha decisión política única e exclusivamente adoptada polo alcalde e pola súa primeira tenente de alcalde, que deste xeito amosan o seu total desprezo polos servizos sociais e a importante función e traballo que desenvolven. Apuntan os representantes do PSdeG que nos tempos que estamos a vivir, onde a cidadanía o está a pasar realmente mal e a diario son moitos os amienses -por desgracia- que requiren a axuda dos servizos sociais, e o Partido Popular de Ames se permite o luxo de pechalos e suspender o servizo.
Apoiamos e defendemos que os e as profesionais poden asistir as xornadas, cursos, charlas, e outras actividades formativas, pero sempre deixando cuberto o servizo e fixando unhas quendas. Rematan os socialistas dicindo que o vaso da paciencia está xa desbordado e que a apatía e a neglixencia que amosa este goberno é tremendamente nociva para os intereses municipais e sobre todo dos veciños e veciñas de Ames, polo que é necesario que este pesadelo remate canto antes. Conclúen afirmando os socialistas que lle solicitarán ao goberno as explicacións oportunas, e barallan a posibilidade de reprobar aos membros do goberno que adoptaron esta absurda decisión.