Este luns os Socialistas de Ames celebraron unha charla sobre a LOMCE e a educación pública que contou coa presenza de Guillermo Meijón e Vicente Docasar

O pasado luns tivo lugar a xornada organizada polos Socialistas de Ames nas que analizaron e debateron sobre a situación do sistema público de educación en España, facendo unha retrospectiva sobre de onde vimos e cara onde camiñamos.

O portavoz socialista, José Miñones, foi o encargado de introducir o acto e aproveitou para explicar que esta charla é a primeira dun ciclo que están a planificar no PSdeG amiense e na que abordarán diversos temas de interese e enfocados cara a cidadanía: os impostos municipais, as taxas bancarias, a violencia de xénero e a igualdade, a mocidade e as redes sociais, etc. Así mesmo, agradeceu a asistencia dos e das representantes das Anpas de Ames, así como a de outras persoas membros dos diversos colectivos educativos. Resaltou, por último, a importancia de contar cun sistema público de calidade, “porque temos que loitar contra todos os ataques que se produzan contra o ensino público, xa que a educación dos nosos fillos e fillas é fundamental para que teñan un mellor futuro como persoas”.

Só os fillos da ‘estirpe’ teñen dereito a unha educación de calidade
O deputado e voceiro adxunto do PSOE na comisión de Educación do Congreso, foi o encargado de abrir a charla, na que analizou e debullou a situación da educación no Estado, remontándose ata o ano 1970 cando se aprobou a Lei Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa (creando a EXB, BUP e COU). Na súa intervención, Guillermo Meijón, resaltou que coa aplicación da LOMCE se vai a sufrir un retroceso de 30 anos “de esforzos” de todo unha nación por conseguir unha educación pública de calidade. Insistiu –Meijón- en que tanto o presidente do goberno, Mariano Rajoy, como o ministro de educación se aproveitan dunha situación de crise para facer “unha contrarreforma ideolóxica que pretende a privatización da educación, e que a escola pública se converta nunha escola de beneficencia”.

Está claro cales son os obxectivos desta reforma educativa, seguiu dicindo o deputado socialista, xa que “para Rajoy só os que son fillos da ‘estirpe’ teñen dereito a unha educación de calidade”, e a proba son os recortes dun 90% en educación compensatoria, que é a que serve para apoiar aos mozos e mozas que máis o necesitan.

Recortes de 400 millóns de euros en Galicia
No que respecta á intervención do parlamentario autonómico e responsable de educación do PSdeG, Vicente Docasar, este centro a súa intervención nos cambios que supoñía a aplicación da LOMCE en Galicia, e falou dos recortes que o goberno de Núñez Feijóo aplicou ao ensino galego. Para Docasar durante os “anos da máxica etapa de Feijóo” –tal e como el a definiu- o sistema educativo galego viu como se reducía o seu orzamento en máis de 400 millóns de euros, o que mostra con claridade que para Feijóo a educación nunca foi unha prioridade. Aporta o dato de que no ano 2009, o gasto en educación por habitante era de 860 euros, mentres que en 2014 o gasto por habitante en educación é de 670 euros.

Un “ataque continuado e constante ao ensino público do noso país”
Continuou Vicente Docasar dicindo que Os recortes en Galicia afectaron a todos os ámbitos do ensino público: á educación infantil, primaria e secundaria (100M€) á Formación Profesional (120 M€) e ás universidades (70M€). Ao que hai que engadir a redución no número de profesores (1225, segundo as cifras oficiais, aínda que eses datos non son certos porque son máis); os repagos ou copagos en libros de texto (30 M€ por ano en libros de texto) e comedores escolares (7 M€ por ano en comedores); e, a redución de 50 M€ (un 75% menos) para os arranxos das instalacións dos centros e para novas construcións (un 75 % menos). En definitiva, para o parlamentario autonómico estes cinco anos baixo o goberno de Núñez Feijóo significaron un “ataque continuado e constante ao ensino público do noso país”.