Tamén piden un calendario de cursos de información da administración electrónica, e con carácter anual, para coordinar coas asociacións

Critican ao goberno pola falta de interese e proxecto por deixar morrer nun caixón toda a tarefa desenvolvida na última lexislatura na que existían propostas para manter comunicados aos locais sociais parroquiais de Ames

Os Socialistas de Ames presentaron un escrito no concello no que solicitan que se dote de conexión a internet a todos os locais sociais de titularidade municipal. Esta proposta xurde a raíz das diferentes visitas feitas polas parroquias da localidade, e tras comprobar que na maioría dos locais municipais non existe internet.

Di o portavoz municipal, José Miñones, que é o encargado de asinar o escrito, que nestes centros se fan diversas actividades promovidas polas asociacións, e que resulta curioso que en pleno século XXI se careza desta que infraestrutura básica para un bo desenvolvemento da nosa sociedade, máis se cabe no ámbito rural.

Lembran que na anterior lexislatura se apostou pola administración electrónica e non entenden como se pode deixar fóra das novas tecnoloxías a preto dun terzo da poboación de Ames pólo simple feito de vivir no rural e porque existan algunhas dificultades técnicas para achegarlle a maneira de poder conectarse a internet, e, que por outra banda, pasan por ser os usuarios e usuarias que máis o precisan. Explican os socialistas que o Goberno actual ten enriba da mesa un proxecto de dotación de internet no rural que se lle deixara no cambio de poderes e que pode servir de guía para o actual responsable da área.

Deixar morrer nun caixón o traballo da anterior lexislatura
Apuntan que trámites administrativos, cursos de informática ou citas de atención primaria poderían ser uns exemplos de actividades que se poderían levar a cabo nos locais sociais repartidos polas nosas parroquias, pero que a día de hoxe non son posibles debido á falta dunha conexión a Internet estable e en condicións póla falta de interese e proxecto do actual goberno de Ames, tal e como demostra o feito de deixar morrer nun caixón toda a tarefa desenvolvida na última lexislatura na que existían propostas como dotar de antenas a todos os centros sociais de Ames para mantelos comunicados mediante a rede de cable municipal instalada grazas a unha partida do Plan E e a través do centro de datos de Bertamiráns.

Rematan este escrito solicitando, tamén, que unha vez instalado o acceso a internet se faga un calendario de cursos de información da administración electrónica, e con carácter anual, para coordinar coas asociacións para levarse a cabo nestes centros para toda a veciñanza.