A violencia de xénero, a pobreza enerxética e a protección dos consumidores vulnerables, e unha actuación medioambiental nas canles do río Ameneiral o Rego dos Pasos e o río Sar, son as mocións presentan os socialistas

No vindeiro pleno ordinario do mes de novembro debateranse tres mocións do Grupo Socialista: unha referida á violencia de xénero, outra contra a pobreza enerxética e a protección dos consumidores vulnerables, e unha terceira na que se insta á Xunta de Galicia para que realice un estudo e posterior actuación medioambiental nas canles do río Ameneiral o Rego dos Pasos e o río Sar .

Os concelleiros e concelleiras socialistas pretenden por unha banda sensibilizar á sociedade a través do pleno da corporación da situación que están a vivir moitas mulleres que sofren ás agresións das súas parellas, que desgraciadamente en moitos casos rematan coa súa morte; así mesmo, tamén pretenden debater sobre a os casos de moitas familias que se atopan nunha situación de vulnerabilidade e que non contan cos recursos necesarios para poder facer fronte aos gastos de electricidade ou do gas, e que se converte especialmente grave nos meses de outono e inverno. A outra moción é para poñer de manifesto o estado no que se atopan as canles dos ríos Ameneira, Rego dos Pasos e Sar ao seu paso por Bertamiráns, os cales necesitan unha limpeza das súas canles, xa que coas choivas de cada ano e debido ao seu estado fai que o nivel da auga suba cada vez máis co conseguinte risco de inundacións.

Recortes en violencia de xénero
Os socialistas de Ames esíxenlle aos Gobernos Central e Autonómico do Partido Popular que repoña as partidas recortadas ata o momento na violencia de xénero, e reclámanlle ao Goberno Central que dirixe Mariano Rajoy que promova un Pacto Político e Social para abordar a violencia de xénero, coa participación de todos os axentes implicados neste auténtico problema de estado.

Así mesmo piden a retirada da LOMCE para así recuperar a materia de Educación para a Cidadanía, e eliminar as subvención aos centros de ensino que segregan por sexo, porque consideran que unha das formar principais de loitar contra a lacra da violencia de xénero é a través da educación. Piden ademais, entre outras cousas, a retirada da Reforma Local, que suporá un pau sen precedentes na loita contra a violencia de xénero, ao acabar cos servizos sociais dos Concellos, primeira institución de atención e protección ás vítimas.

Lembran os socialistas que durante este ano foron 45 as mulleres asasinadas polas súas parellas, das que seis eran galegas, e ante esta alarmante realidade, o Goberno do PP na Xunta de Galicia, en consonancia co Goberno Central, segue a recortar as partidas en materia de igualdade. Así, a Secretaría Xeral de Igualdade pasou de dispor de 60 M€ en 2009 aos 12,3 deste 2014. Así mesmo, destaca a redución do 55% do orzamento dirixido aos Concellos para programas de prevención da violencia e promoción da igualdade ou a eliminación dunha partida de 200.000 euros para prevención de violencia no eido da Universidade.

300.000 galegos e galegas con dificultades para pagar o recibo da luz
Din os membros do Grupo Municipal do PSdeG que a pobreza enerxética é unha consecuencia máis da grave crise social e económica que estamos a padecer, e defínena como aquela situación que sofren os fogares cuxos membros son incapaces de pagar unha cantidade de servizos da enerxía suficientes para a satisfacción das súas necesidades domésticas e/ou ven obrigados a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos ao pago da factura enerxética das súas vivendas.

Existen diferentes estudos que din que xa máis de 300.000 persoas en Galicia as que teñen graves dificultades para facer fronte ao recibo da luz ao final de mes; e, a este dato hai que engadir o que facilita o INE e o IGE nas enquisas de condicións de vida que sinalan que en torno a 100.000 fogares en Galicia non poden manter a súa casa a unha temperatura adecuada, cos riscos que iso comporta especialmente para as persoas con factores de risco máis alto, como nenos, anciáns ou enfermos.

Por iso, propoñen os socialistas, que se habilite unha liña de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e gas), que garanta que ningún fogar poda ser privado dun mínimo de cobertura enerxética de subsistencia entre o 1 de novembro e o 31 de marzo de cada ano, que permita garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza enerxética; ademais de demandar ao Goberno de España que de forma inmediata presente no Congreso dos Deputados para o seu debate e aprobación un proxecto de lei de protección dos consumidores vulnerables e contra a pobreza enerxética.

Limpeza das canles do río Sar, Ameneiral e Rego dos Pasos
Polo que respecta á terceira moción, os socialistas explican que é froito da denuncia pública realizada semanas atrás e nas que acompañados polos medios de comunicación constataron o estado de abandono que sofren as canles dos ríos Ameneiral, Rego dos Pasos e río Sar, todos eles no entorno do paseo fluvial de Bertamiráns, onde é doado apreciar os restos de area e sedimentos existentes que impiden a normal circulación dos ríos o que ocasiona que coas choivas invernais se produzan crecidas do río que cada ano superan os distintos niveis do pase fluvial ou a ponte da Condomiña. Pídenlle a Xunta de Galicia que realice un estudo da situación na que se atopa o Rego dos Pasos, o rego do Ameneiral de Bertamiráns, e a canle do río Sar ao seu paso pola parroquia de Ortoño, e se elabore un proxecto de limpeza cos prazos correspondentes nos que se actúe na canles dos citados ríos.

Moción contra a Violencia de Xénero

Moción contra a pobreza enerxética

Moción arranxo medioambiental do Río Sar, Rego dos Pasos e Ameneiral