Os Socialistas acusan ao Goberno de facer un uso partidista da web municipal publicando novas do Partido Popular
Miñones: “É algo intolerable e nada ético e amosa o desprezo do Goberno e do Partido Popular pola institución municipal”
Non é a primeira vez que os Socialistas de Ames critican o uso partidario da web do concello de Ames, xa que nela teñen ofrecido en numerosas ocasións comunicacións sesgadas, falseado a realidade ou omitido datos de relevancia para beneficiarse dunha información. En varios plenos, tanto o Grupo Socialista, como outros membros da corporación teñen trasladado o seu malestar por ese uso tan subxectivo e parcial, e que se chegara a obviar de maneira premeditada propostas, intervencións ou declaracións do resto de concelleiros e concelleiras ou grupos municipais; ou incluso a censurar información de interese para os veciños e veciñas, tal e como pode ser a proposta de sanción á empresa Eulen por incumprir os pregos e polo nefasto servizo nas Escolas Deportivas municipais.
Explican os socialistas que unha web municipal debe de ser un espazo no que se trate a información de maneira obxectiva e que poña en coñecemento de todos os usuarios e usuarias de maneira clara e veraz as comunicacións que traslade, e “desgraciadamente non está a ser así, xa que a web do concello de Ames está a empregarse dun xeito tendencioso por parte do Goberno municipal”, indica o socialista José Miñones, que continúa explicando que “os tempos do Nodo eran outros, pero este alcalde quere sacar beneficios ata dun espazo público e aberto como é internet”.
Uso dos medios técnicos e humanos do concello
Denuncian os Socialistas de Ames que agora xa van máis aló e din que a web municipal se empregue xa como boletín de información do Partido Popular; e explican que resulta intolerable que no día de hoxe usaron a web do concello de Ames para informar quen será a nova concelleira do PP, ademais de mandar un comunicado aos medios de comunicación a través do gabinete de prensa do concello, o cal pagamos todos os veciños e veciñas do concello. Isto, para os socialistas “é algo intolerable e nada ético e amosa o desprezo do Goberno e do Partido Popular pola institución municipal”, tal e como expresa o portavoz do Grupo Socialista, e, continúa dicindo que “Santiago Amor estase a comportar nos últimos tempos coma un caudillo que ignora a democracia, a liberdade e o consenso; sen darse conta que está nunha situación precaria e minoritaria”.
O Grupo Socialista pide que de inmediato se retire esa información do Partido Popular da páxina web do concello de Ames e do resto de redes sociais ou soportes de comunicación municipais. Lembran os socialistas que xa no día de onte tanto o Facebook coma o Twitter do concello publicaron a mesma información. “O alcalde debe de rectificar e pedir desculpas por un comunicado que só lle atinxe facer público ao Partido Popular de Ames e non ao gabinete de comunicación que pagamos entre todos”, remata José Miñones