Critican que o PP non aceptase ningunha das emendas presentadas aos orzamentos autonómicos para o 2015.

Din os socialistas que Núñez Feijóo castiga aos veciños e veciñas de Ames e fai oídos xordos á súa reclamación.

O PSdeG-PSOE de Ames vén de amosar o seu malestar e a súa crítica ao alcalde de Ames, Santiago Amor, por non se preocupar por defender os intereses do municipio que preside e antepoñer os intereses do Partido Popular aos que deberían de primar, que son aqueles para os que o votaron os veciños e veciñas de Ames.

Os Socialistas manifestan a súa inquedanza porque os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2015 non contemplan un só euros de investimento en Ames, e o Partido Popular no Parlamento de Galicia rexeitou todas as propostas en forma de emenda que se pretendían incorporar ás contas autonómicas. José Miñones, o candidato socialista á alcaldía polo PSdeG, explica que “nin a construción do Centro de Saúde de O Milladoiro, nin a ampliación da depuradora de Sisalde, nin reformar e mellorar o centro de saúde de Bertamiráns, nin os arranxos de ningún dos tramos do Camiño de Santiago, … en definitiva, ningunha das propostas urxentes e necesarias para Ames que presentamos os socialistas e se debateron no pleno do Parlamento de Galicia foron aceptadas”, e pregúntase Miñones, “que ten que dicir o alcalde a que a Xunta do Partido Popular marxine e castigue a Ames deste xeito?”.

Os socialistas queren saber cales foron as xestións realizadas por Santiago Amor para que os veciños e veciñas do Milladoiro ponderan ter o ansiado Centro de Saúde, ou que accións desenvolveu para que se ampliase a depuradora de Sisalde, ou onde protestou polo estado no que se atopa o Centro de Saúde de Bertamiráns. A realidade –din os socialistas- é que Ames pasou de ser un municipio punteiro e de futuro a quedar ancorado no pasado por culpa dun alcalde que non exerce e que lle dou as costas fai moito tempo aos amesáns e ás amesás.

Núñez Feijóo castiga aos veciños e veciñas de Ames
Lembran, por outra banda, os socialistas que se aprobou en pleno pola maioría da corporación que se atendesen tanto na consellería de Sanidade como no Parlamento de Galicia a necesidade dunha actuación e construción do Centro de Saúde de O Milladoiro; pero, polo que se ve o goberno de Núñez Feijóo castiga aos veciños e veciñas de Ames e fai oídos xordos ás súas reclamacións e ignora os acordos plenarios. “E mentres tanto que fai o alcalde?” –pregúntase José Miñones- “calar e aplaudir o abandono de Ames, e ser cómplice e consentidor do desprezo ao que nos somete a administración autonómica”. Prosigue o candidato socialista dicindo que “Ames merece máis: Ames merece un alcalde que defenda os intereses dos veciños e veciñas e non un que os abandone e antepoñía os intereses do partido ás necesidades do pobo”.

Rematan os socialistas pedíndolle a Amor que dea a cara e explique a razón de que os ornamentos autonómicos non gasten nin un só euro en Ames, e que dea conta das accións desenvolvidas por el para que isto non fose así. “Xa está ben de agocharse, a sociedade necesita explicacións e accións valentes, e Amor só amosou medo e covardía”, rematan os socialistas.

EMENDAS PRESENTADAS POLOS SOCIALISTAS DE AMES AOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA

⎯ Construción dun Centro de Saúde no Milladoiro.
No orzamentos do ano 2013 existía unha partida de máis de 2.700.000 euros para esta obra, que ademais foi compromiso da consellería de Sanidade. Esta partida non se executou e foi retirada dos orzamentos seguintes.

⎯ Arranxos estruturais do centro de Saúde de Milladoiro e mellora e adaptación do centro de saúde de Bertamiráns.

O actual centro de saúde de O Milladoiro sufriu unha serie de desperfectos no pasado inverno que seguen, algúns deles sen arranxarse, fundamentalmente o tellado; polo que é necesario mentres non se constrúa o novo centro de saúde que se proceda á reparación do mesmo.

O centro de saúde de Bertamiráns necesita unha actuación urxente, xa que nos últimos 25 anos non se realizou ningún tipo de actuación, e este centro está desbordado, xa que atende a preto de 18000 usuarios e usuarias. Carece de elementos básicos e reiteradamente reclamados como a modificación da zona administrativa ou a colocación dun ascensor. É recomendabla a realización dun estudio de necesidades e adaptación dos espazos ea adaptalo para cubrir e atender a demanda que ten na actualidade.

⎯ Ampliación da Depuradora de Sisalde.
Esta ampliación foi prometida e anunciada no ano 2012 polo anterior conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández. Existe na actualidade un proxecto que xa contempla esa ampliación, pero que por motivos que descoñecemos está paralizado.

⎯ Arranxo e peche dos polideportivos e pistas dos colexios e IES de Ames

Esta é unha demanda que nos están a facer todas as Anpas.

⎯ Arranxo e mellora dos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames.
O concello de Ames crúzano dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Portugués, que pasa polo Milladoiro; e o Camiño Real ou Camiño a Fisterra que pasa por varias parroquias amienses.

É necesario realizar actuacións de mellora, tanto do propio camiño como na sinalización da mesmo. E no caso concreto do Camiño a Fisterra é necesario realizar unha senda na parroquia de Trasmonte e ata Ponte Maceira, xa que os peregrinos deben de realizar o seu camiño pola estrada, co perigo que iso lles ocasiona.

⎯ Remate das beirarrúas na estrada Roxos-Portomouros no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra.

Unha reclamación dos veciños e veciñas de Piñeiro, os cales, dada a proximidade de Portomouro realizan moita da súa actividade neste concello e polo cal se desprazan a pé ata a localidade. É necesario construír unha beirarrúa de uns 200 metros aproximadamente.

⎯ Arranxo no viaducto da autovía Santiago-Brión, ao seu paso por Covas.
A canalización da Autovía nese punto está mal realizada e ocasiona inundacións na estrada que vai de Bertamiráns a Covas, concretamente debaixo do viaducto, xa que pola mala canalización fai que este punto se volva intransitable e moi perigoso cada vez que chove con forza.

⎯ Mellora do firme e canalización da pista forestal que vai de Mercuto a Carracedo (Ameixenda)

Esta pista forestal de 1,5 qms. Necesita unha actuación de mellora do firme con zahorra e arranxar o problema de canalización das pluviais, xa que ao ser no monte e debido á pendiente as riadas fan que vaia deteriorando o firme de zahorra e pedra xa existente