Miñones: “É necesario a realización dun estudo serio que nos aporte un mapa de situación da rede municipal”
Os Socialistas pídenlle ao Goberno que inicie o proceso para garantir a continuidade do servizo da auga, xa que o contrato actual remata no mes de outubro
O Grupo Municipal Socialista vén de presentar no rexistro municipal a solicitude para a “realización inmediata” dunha auditoría da rede de saneamento. Explican os socialistas neste escrito que desde que dou comezo a Comisión da Auga, que se creara despois do fracaso da licitación do ciclo integral da auga, levan pedindo de maneira reiterada a realización deste estudo que analice en profundidade a situación na que se atopa a rede de saneamento do concello de Ames; “é necesario a realización dun estudo serio que nos aporte un mapa de situación da rede municipal”, di o portavoz socialista, José Miñones, e continúa explicando que “o Goberno municipal fai oídos xordos á nosa solicitude, e case un ano despois aínda a auditoría da auga continúa a ser unha quimera, o que pon de manifesto o nulo interese do goberno do PP por facer as cousas ben e con sentido”.
A insistencia dos Socialistas de Ames na elaboración desta auditoría non é por un capricho, senón que é motivada porque a liña de saneamento é antiga en moitos puntos e presenta deficiencias como fugas, filtracións ou incluso defectos de colocación, que se teñen xa detectado nalgúns casos en reiteradas ocasións; e, polo tanto a importancia deste estudo é clave para o bo funcionamento, porque traería consigo un aforro económico importante tanto en consumo eléctrico, como na xestión dos residuos da depuradora. “Ter localizadas e corrixidas as deficiencias que poidan existir no servizo de saneamento fai que o custe do servizo sexa menor, e iso é un beneficio importante para todos: para o concello e para os veciños e as veciñas de Ames”, matiza José Miñones.
A última información que existe sobre este estudo é un simple comentario o pasado mes de maio no que a concelleira delegada, Eugenia Martín, afirmou que a auditoría realizaríase mediante licitación independente da de contratación do servizo da auga. E, din desde o Grupo Socialista que “transcorridos varios meses, e xa iniciado o 2015 aínda non temos coñecemento efectivo da realización deste estudo da rede, máis aló dun sinxelo comentario”.
Novo proceso do servizo da auga
Tamén piden os socialistas no seu escrito que por parte do goberno municipal se dea comezo aos procedementos necesarios para dar continuidade ao servizo da auga a partires do final do contrato recentemente asignado e que tan só ten unha duración de nove meses. Lembran os socialistas que no mes de outubro do 2015 remata esta licitación “express” do goberno de Santiago Amor, e que o novo goberno que xurda dos comicios electorais do mes de maio atoparase con moi pouco tempo para saber que facer co ciclo integral da auga.
“Está claro que a Santiago Amor e ao PP non lle preocupa o futuro de Ames e o dos seus veciños e veciñas, xa que de non ser así terían asegurado unha licitación máis ampla e non deixarlle aos que veñan esta pataca quente enriba da mesa”, apunta Miñones.