Os Socialistas presentaron un escrito no concello de Ames e unha iniciativa no Parlamento de Galicia
Desde que o IES de o Milladoiro abriu as súas portas no pasado curso escolar (2013-2014) os Socialistas de Ames veñen amosando a súa preocupación pola situación na que se atopa o centro educativo e que se lle dea solución ás carencias existentes e que en reiteradas ocasións puxeron de manifesto os membros da Anpas e da comunidade escolar.
Lembran os representantes do Partido Socialista que xa durante o pasado ano presentaron unha iniciativa parlamentaria poñendo en coñecemento da Xunta de Galicia as cuantiosas deficiencias existentes e solicitando unha solución.
Pero esta semana, novamente, os concelleiros e concelleiras do PSdeG representados por José Miñones, o seu portavoz e candidato á alcaldía, presentaron un escrito no concello no que lle preguntan ao Goberno municipal se existe a previsión de realizar algún tipo de actuación para arranxar o acceso posterior do centro e que na actualidade se atopa imposibilitado para acceder cos vehículos. Ademais solicitan que se fixe un prazo para a apertura deste acceso posterior (continuación da Avenida do Muíño Vello ata a Rúa Nova coa estrada de Ventín) e que se elabore o proxecto e se fixe a cantidade orzamentaria necesaria para a apertura deste vial.
Explican os socialistas no seu escrito que “esta entrada é fundamental para o normal funcionamento do Instituto, xa que é a único que facilita o acceso directo de vehículos, por que a única alternativa que existe na actualidade e a existente na Travesía do Porto, e está bloqueado mediante pivotes para o paso de vehículos, polo que presenta cuantiosas dificultades, tales como un acceso en condicións para persoas con algún tipo de discapacidade física, ou incluso, o que é máis grave, que poidan acceder vehículos de emerxencias no caso de producirse algún tipo de accidente”. Cualifican a actitude do goberno que preside Santiago Amor como de “desleixo” por ser incapaces de “adoptar ningún tipo de medida ou actuación para arranxar esta urxente necesidade que é un clamor para toda a comunidade escolar do IES de O Milladoiro”
Iniciativa parlamentaria
Por outra banda, os Socialistas a través do responsable de Educación do PSdeG, Vicente Docasar, volveron a levar este asunto ao Parlamento de Galicia, e solicitaron á Mesa do Parlamento que proceda á recualificación dunha iniciativa anterior relativa ao IES de O Milladoiro para que se inclúa na primeira sesión da Comisión de Educación.