Os Socialistas de Ames veñen de presentar un escrito no Rexistro Municipal no que formulan unha serie de cuestións relativas á xestión do ciclo integral da auga que realiza a UTE Acciona Agua- Espina, e que comezou a realizar o pasado 1 de febreiro. Explican os representantes do Grupo Municipal do PSdeG que o motivo destas cuestións veñen dadas polas diferentes queixas dos veciños e veciñas de Ames que están chegando ao Grupo Municipal sobre o funcionamento da actual empresa.

As cuestións formuladas son as seguintes:

Con respecto ao tema do lixo hai veciños e veciñas que están pasando por alí para recoller o recibo para pagar ou pedir información do seu expediente e se lles di que de ese tema alí non teñen nada, co cal, no caso de que teñan que pagar o recibo non teñen forma de facelo.

Con respecto ao recibo da auga tamén hai moitos veciños e veciñas que están pasando polas oficinas para pedir copia do recibo e así poder pagalo e tampouco llo dan porque segundo a empresa non poden emitir recibos e os derivan ao Concello.

Naqueles casos que algún veciño ou veciña se lle pasou o prazo de pagar e vai a oficina a recoller o novo recibo co recargo correspondente non se lles está dando, co cal co recibo que teñen non poden ir ao banco a pagar porque o recibo xa non está dentro do prazo permitido e, segundo teñen manifestados algúns veciños, a solución que lles dan dende o Concello é que ingresen a cantidade que figura no recibo na conta do Concello e despois que volvan ás dependencias municipais a presentar por rexistro ese ingreso para que quede constancia do pago, e, que será o Concello quen o trasladará á empresa que xestiona o servizo da auga e abastecemento, e, posteriormente, se lles emitirá outro recibo co importe do recargo.

Tamén se lle está dicindo aos veciños e veciñas dende a oficina da empresa que a única forma de pago e a través do banco producindo así un prexuízo a moitos usuarios e usuarias que xa se desprazaron ata a oficina para pagar o recibo como se facía ata o de agora.

Tamén se está informando que no caso de non pagar os recibos se procederá ao corte do servizo nun prazo curto.

Por outra parte, tamén nos comunican que hai problemas para tramitar novas altas.

E por último no que respecta ao edicto que asinou o Alcalde de data 4 de Febreiro de 2015 no que se pon que por cuestións alleas ao Concello non se vai a cobrar o cuarto trimestre de 2014 no prazo voluntario.

Ante todas estas cuestións e dúbidas os Socialistas solicitan no seu escrito a seguinte información

– Información urxente e detallada de todas estas cuestións formuladas con anterioridade dado que todo isto está a causar prexuízo para os veciños e veciñas de Ames.

– En relación ao edicto, cales son as cuestións “alleas” polas que non se vai a cobrar o cuarto trimestre? Como se lle vai a trasladar aos veciños e veciñas? Van a levar recargo?

Escrito sobre cuestión do Ciclo Integral da Auga (pdf)