Os socialistas de Ames afirman que as renuncias de dous dos cinco concelleiros que conforman o goberno amesá agravan a situación dos veciños e veciñas de Ames, abocados a unha parálise institucional a dous meses duns novos comicios

Os socialistas de Ames cremos que a rapidez coa que se están sucedendo os últimos acontecementos no Concello de Ames fan prever que só os traballadores municipais serán quen de facer funcionar a institución durante estes dous meses.

Asemade, os socialistas de Ames somos conscientes de que esta situación só ten un único responsable, que non é outro, que o alcalde popular, Santiago Amor. Aínda que a forma de traballar do Sr. Amor é coñecida dende hai tempo, as súas últimas actuacións veñen demostrar que é un nefasto alcalde e un pésimo compañeiro.

Os socialistas de Ames estamos preocupados ante este estrano momento no que se atopa o Concello, xa que tememos unha parálise política durante estes dous meses e medio.

Neste punto tan complicado de mandato, os socialistas de Ames imos adoptar unha actitude de responsabilidade, sensatez e seriedade, pensando unicamente nos veciños e veciñas de Ames, deixando atrás loitas partidistas e electoralismos.

Polo tanto e ante esta nova, inesperada e crítica situación os socialistas de Ames, propoñemos:

– unha xuntanza urxente dos representantes do grupo socialista e dos non adscritos para analizar a situación,

– e agradecer de antemán o traballo e esforzo dos traballadores do Concello para que este problema non se vexa reflectido no día a día dos amesáns e amesás.