O novo contrato terá unha duración de tres anos, máis outro de prórroga

Cando faltan algo máis de dous meses para as vindeiras eleccións municipais todo semella que ao alcalde de Ames lle entrou un presa repentina por asfaltar pistas, visitar parroquias ou licitar obras e servizos. Está claro que Santiago Amor é un político dos da vella escola que aínda pensa que por asfaltar e poñer uns puntos de luz os últimos meses vai a tapar a súa negativa e nula xestión dos case catro anos anteriores.

Din os Socialistas de Ames que nese afán por licitar a última hora atopámonos sorpresivamente que catro anos despois de traballar de xeito irregular co Servizo de Transporte Adaptado lembrouse de sacalo a concurso público. E explican que, durante o anterior mandato o goberno do PSdeG deixara preparada a licitación do Transporte Adaptado, e cando entrou o goberno de Amor e do Partido Popular só tiña que adxudicalo á oferta máis vantaxosa para o concello, o que lle carrexa ás arcas municipais, tal e como estaban os pregos, un aforro de en torno aos mil euros mensuais. Pero “o alcalde e o seu goberno preferiron non adxudicar o servizo nas novas e máis vantaxosas condicións o que foi un claro exemplo de indolencia” di José Miñones; o candidato socialista continúa dicindo que “o Partido Popular de Ames permitiu co seu desleixo e abandono que se gastaran máis de 45.000€, e non están os tempos para andar dilapidando os cartos públicos.”

Un servizo moi utilizado e necesario
Durante o mandato socialista en Ames unha das súas inquedanzas foi o gasto social, a gran parte do presuposto municipal ía destinado aos servizos sociais, de xeito que os amesáns e amesás puideran ver mellorado o seu benestar. Neste apartado inclúese a forte aposta que se fixo ao xestionar directamente o Servizo de Transporte Adaptado. Este servizo é utilizado por moitas persoas do municipio que teñen mobilidade reducida e grazas a el poden desenvolver a súa vida diaria dunha maneira máis cómoda e segura, realizando tarefas cotiás como ir ao banco, visitar ao médico e participar nas actividades que oferta o Concello. Este servizo cubre as necesidades daquelas persoas que quedaban fóra do servizo do 065, de ámbito autonómico. E resaltan, polo tanto, a súa importancia, especialmente nun momento no que os recortes da administración autonómica son tan palpables e en especial no que se refire a dependencia.

Valedor do Pobo
Manifestan os membros do PSdeG que solicitaron información en reiteradas ocasións sobre este asunto, obtendo en todo momento o silencio do Goberno como resposta; e, ata se viron obrigados a acudir ao Valedor do Pobo para reclamar o permiso para poder acceder ao expediente, dándolle a razón e permitíndolle acceder á información do servizo municipal. “Descoñecemos cales son as razóns obxectivas polas que o alcalde non quixo adxudicar este servizo, nin tampouco porque deixou pasar tanto tempo por licitalo e si o fai agora cando faltan dous meses para as eleccións municipais”, di Miñones.

Un contrato de 3 anos máis 1 de prórroga
Así mesmo, os Socialistas trasladan a súa sorpresa polas condicións desta repentina licitación, xa que é moi semellante á que se elaborara fai catro anos atrás e a que rexeitaron adxudicar, pero varía nun aspecto importante, o tempo de duración do contrato, porque se ben na primeira este era de 1 ano, máis outros prorrogable; o realizado polo goberno do PP é de 3 anos, máis 1 prorrogable. “Esta licitación e a súa duración representa unha hipoteca para o novo goberno que resulte elixido nas urnas o próximo 24 de maio”, di o candidato socialista, ao que lle parece “unha insensatez e unha deslealdade institucional que Amor e o seu minigoberno saquen agora a licitación o servizo de Transporte Adaptado”.