O acto contará coa presenza de Miguel Agromayor, Presidente da Federación de Comercio de A Coruña, e Lisardo Domínguez, Secretario Xeral de AUGA (Autónomos de Galicia)

A xornada de Comercio e Autónomos: situación e propostas terá lugar o vindeiro venres día 13 de marzo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ao acto están convidados todos os emprendedores de Ames, en concreto, os pequenos comerciantes e autónomos que forman parte do tecido empresarial amesá.

“Queremos unha mesa redonda en positivo”, afirma o candidato socialista, José Miñones, e engade: “interésanos coñecer de primeira man os problemas e dificultades polas que está a atravesar o comercio e os autónomos da zona pero sobre todo, queremos coñecer as alternativas e as distintas propostas que eles barallan para dar un novo impulso aos nosos emprendedores”.

“A nosa idea é estudiar estas propostas co fin de traducilas en accións e medidas concretas que poidamos levar a cabo dende a administración”, sinala o grupo socialista.

Neste sentido, os socialistas de Ames lembran que en abril do ano pasado xa presentaron unha moción na que propoñían que o Concello de Ames instase ao Goberno do Estado a reconsiderar a aplicación do tipo xeral do IVE do 21% aos servizos dos salóns de peiteado, volvendo á aplicación do tipo reducido do IVE do 10%.

“De todos é sabido que os pequenos negocios que se están abrir e que se manteñen en Ames están formados por autónomos que contratan a un ou dous empregados para ofrecer un mellor servizo aos seus clientes. Dende o ano 2008 os pequenos empresarios están a sufrir unha subida intensa dos seus impostos e están vendo como baixan as ventas e os rendementos nos seus negocios, por iso cremos que é necesario escoitar as súas demandas e as súas propostas para buscar solucións que melloren a situación dos comercios e autónomos amesáns”, sentencia, Miñones.

Estas xornadas sobre comercio enmárcanse no programa de actividades que nos últimos anos está a desenvolver o Grupo Socialista de Ames. Nestes momentos, xa están a preparar un acto sobre impostos e taxas que se celebrará no Milladoiro.