grupo_socialista_1

Miñones: “Un dos nosos compromisos é a transparencia na xestión municipal, e polo tanto queremos dar exemplo facendo públicas as nosas declaracións de rendas, bens e intereses”

Din os socialistas que queren “darlle luz e claridade á xestión municipal, porque é tempo de abrir as portas e as fiestras do concello para que a xente coñeza en que se gastan os seus impostos”

Os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE decidiron facer públicas as súas declaracións de bens a través da páxina web dos Socialistas de Ames (www.socialistasdeames.com). Explican que o motivo desta decisión vén motivada porque a transparencia é un dos eixos sobre os que pivotará o seu programa nas vindeiras eleccións municipais, e pretenden dar exemplo adiantándose ao remate deste mandato. “Un dos nosos compromisos é a transparencia na xestión municipal, e polo tanto queremos dar exemplo facendo públicas as nosas declaracións de rendas, bens e intereses”, explica o candidato socialista José Miñones.

Lembran os Socialistas que na actualidade a LOREG (Lei Electoral) fixa que para adquirir a plena condición de concelleiro ou concelleira todos os membros das Corporacións locais están obrigados a presentar, antes da toma de posesión, a declaración de bens e actividades; pero a propia lei non fixa que estas teñan que facerse públicas. Por iso, os socialistas amesáns defenden e propoñen que a cidadanía poida coñecer, se así o desexa, os bens e as actividades dos seus representantes electos, pero este é só un primeiro paso co que pretenden exemplificar a política municipal da localidade, xa que, tal e como apunta José Miñones, “as nosas propostas en transparencia van moito máis aló que facer públicas as declaracións de bens dos e das concelleiras, queremos que a transparencia sexa a norma nas contas públicas, no patrimonio municipal ou na axenda e na actividade que desenvolvan diariamente o alcalde e o goberno municipal, por exemplo”, e continúa o candidato dicindo que “os veciños e veciñas de Ames teñen dereito a coñecer a fondo a xestión municipal e os dirixentes a facilitalo”.

Ordenanza de transparencia municipal
A transparencia para os e as Socialistas, ademais dun compromiso, é un valor que xunto coa participación dos e das cidadás teñen que formar parte activa da vida política municipal deste novo ciclo. Por tal motivo, incide o candidato do PSdeG na necesidade dunha ordenanza municipal sobre a transparencia que regula e fixe todo aquelo que debe de ser público e de acceso doado para os e as amesás a través da páxina web municipal. Ademais das nóminas e dos bens e das actividades dos cargos públicos, tamén se deben de facer públicas as decisións dos órganos de goberno, o inventario dos bens municipais, os procesos de selección, os orzamentos e as contas do concello ou a axenda da alcaldía e do restos dos membros do goberno municipal. José Miñones, manifesta a súa intención de “darlle luz e claridade á xestión municipal, porque é tempo de abrir as portas e as fiestras do concello para que a xente coñeza en que se gastan os seus impostos”, e continúa afirmando con rotundidade que “agora máis que nunca os que participamos da actividade política debemos de ter os bolsillos de cristal e render contas constantemente diante dos nosos veciños e veciñas”

Axenda aberta
Para os PSdeG-PSOE de Ames un dos puntos máis importantes das propostas nas que están a traballar é a de facer pública a axenda do alcalde e dos concelleiros e concelleiras, para que se coñeza en cada momento a actividade que desenvolven; pero, ademais, queren que a esta axenda podan acceder de maneira rápida e doada os e as amesás para poder solicitar unha xuntanza cos membros do goberno dentro dos horarios fixados e con dispoñibilidade. Pretenden os socialistas con esta medida facilitar a accesibilidade dos concelleiros e concelleiras, pero sobre todo do alcalde, xa que tal e como recoñecen, unha das queixas máis habituais dentro das xuntanzas e contactos que mantemos cos veciños e veciñas é a dificultade para poder escoitar as demandas e problemas da cidadanía, e esta require un alcalde e un goberno próximo. “En ocasións con pequenas cousas soluciónanse grandes problemas, e eu quero ser un alcalde que escoita e atende aos seus veciños e veciñas, porque darlles as costas e non atendelos é un desprezo ademais dun fraude ás persoas que poidan confiar en min”, conclúe Miñones con convencemento.

Propostas xa postas en práctica
Informan os representantes do Partido dos Socialistas de Ames que ao longo dos últimos meses xa veñen poñendo en práctica algunhas das propostas que mencionan, e que por exemplo cando foi a campaña do candidato José Miñones nas primarias socialistas xa fixo pública na súa web (www.josemiñones.com) a súa declaración de bens e patrimonio e os gastos derivados desta campaña. Así mesmo, tamén din que desde fai varios meses xa están funcionando coa axenda do candidato e demais concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal cunha axenda aberta coa que poder informarse ou solicitar algún tipo de entrevista, visita, xuntanza, etc.