O PSdeG ten “claro que debemos de impulsar a celebración de todos os debates posibles, e mantemos a nosa disposición e invitación ao diálogo co Partido Popular de Ames para que estes se poidan realizar”.

Miñones: “Estamos noutro tempo e os veciños e veciñas demandan outras formas de facer política, e debemos de achegarlles as nosas propostas de maneira directa”

O Comité Electoral dos Socialistas de Ames vén de solicitarlle por escrito aos responsables da coordinación de campaña do Partido Popular de Ames unha xuntanza para a organización dun debate entre o candidato desta formación e actual alcalde, Santiago Amor, e o candidato socialista, José Miñones. Din os socialistas na súa carta que “consideramos oportuno e necesario que se produza un debate público e aberto á cidadanía de Ames”, e continúan manifestando que teñen “claro que debemos de impulsar a celebración de todos os debates posibles, e mantemos a nosa disposición e invitación ao diálogo co Partido Popular de Ames para que estes se poidan realizar”.

Con esta invitación a debater publicamente, os socialistas amesáns continúan na súa liña de transparencia política e de fomento da participación e información da cidadanía, xa que, tal e como afirman na carta que asina a coordinadora de campaña do PSdeG, Isabel González, “cremos que a cidadanía de Ames ten dereito a coñecer as nosas propostas electorais e a poder confrontalas; e, os socialistas temos claro que a nosa obriga é poder darlle resposta a ese dereito dos veciños e veciñas de Ames”.

Tal e como estivo manifestando durante estes días o candidato socialista José Miñones, “estamos noutro tempo e os veciños e veciñas demandan outras formas de facer política, e debemos de achegarlles as nosas propostas de maneira directa”. Os socialistas defenden este tipo de debates públicos entre os candidatos e pensan que é positivo e necesario para o desenvolvemento dunha política de credibilidade e de proximidade ás persoas.

A proposta inicial do PSdeG de Ames é a de realizar algún debate público entre o candidato do PSdeG-PSOE de Ames e o do Partido Popular, e xustifican esta opción “por ser ambos partidos os únicos que contan con grupos municipais propios na corporación”, tal e como din na misiva. E din que é oportuno “debater e falar sobre o mandato municipal que conclúe, facer balance do mesmo e poder comparar proxectos e propostas de ambas formacións”.

Os socialistas esperan resposta dos responsables Populares para fixar unha data para realizar unha xuntanza na que marcar o número de debates, lugar e data do mesmo.

Carta invitando ao debate