O candidato socialista asegura que “ata o momento da nosa solicitude, estaban todas as forzas caladas”
Miñones: “Non rexeitamos nin excluímos debater con ningunha formación, porque todas elas teñen dereito a participar. Agora ben, debemos ter claros uns criterios e unhas bases para poder realizar unha confrontación de propostas nunhas condicións razoables, democráticas e participativas”
Cando os socialistas de Ames solicitaron hai tres días un debate co candidato popular e actual alcalde de Ames, “porque a lei así o estipula”, eran conscientes da necesidade de confrontación de ideas e propostas con quen ata o momento estivo gobernando este Concello os últimos catro anos. “Cremos que o primeiro que ten que aceptar o debate é o PP que foi o que sostivo, malamente, o goberno durante catro anos, por moito que algúns insinúen que pareza que gobernaba o Partido Socialista”, afirma Miñones e puntualiza que “o debate debe ser entre candidatos”.
O PSdeG-PSOE está contento de que agora “haxa outras forzas políticas que se sumen ao debate, xa que ata o momento da nosa solicitude, estaban todas caladas” e reitera que “nós non nos negamos a debater con ninguén pero a nosa obriga como oposición e como grupo maioritario do Concello é pedir ese debate ao candidato do actual goberno, que é o que inicialmente debe de aceptar, posto que un debate sen o cabeza de lista do PP tería menos interese e sustancia. Tendo en conta isto, non ten sentido solicitar un debate ao resto da oposición, pero iso non quere dicir que non queiramos debater con eles”.
Os socialistas son da opinión de que hai forzas políticas que “só saben facer oposición, e o que é peor, oposición á oposición”, por ese motivo, o PSdeG sinala que “non imos entrar no xogo de certos candidatos que buscan protagonismo e notoriedade a base de desacreditar ao resto de formacións. A nosa campaña vai ser en positivo, con propostas serias e realizables” e engade que “non queren entrar en guerras de “e ti máis”, que buscan continuamente outros partidos amesáns que fixan as súas críticas no Partido Socialista sen asumir que o PSOE non gobernou durante os últimos catro anos”.
Neste sentido, o alcaldable asevera que “medo a debater?, ningún, o debate é a base da democracia”, e suliña que “non temos medo a ninguén nin a nada”. Durante estes catros fixemos unha oposición leal aos veciños de Ames, preocupándonos en todo momento do seu benestar e transformando as súas palabras en rogos, preguntas e mocións ao goberno popular. Considera o candidato Socialista que o traballo do seu partido durante estes catro anos de oposición é o que lles permite pedir un debate co candidato popular, e considera que “debe ser el o que dea conta destes anos de desgoberno diante da cidadanía”. O PSdeG de Ames considera que os debates son necesarios e beneficios no contexto electoral, xa que é a maneira que teñen os veciños e veciñas de contrastar as informacións que lle chegan dun e
doutro lado. “Só con información veraz e coñecemento se pode dar un voto responsable e útil”, di Miñones e conclúe “non rexeitamos nin excluímos debater con ningunha formación, porque todas elas teñen dereito a participar, agora ben, debemos ter claros uns criterios e unhas bases para poder realizar unha confrontación de propostas nunhas condicións razoables, democráticas e participativas”.