Acusan ao alcalde de Ames de consentir durante os catro anos do seu goberno que fosen esmorecendo e deteriorándose unha obra que rondou os dous millóns de euros.
Os socialistas denuncian que repentinamente desaparecera do debate político a posibilidade e a necesidade de poder abrir o cemiterio de Os Batáns. A pesares do traballo realizado nos últimos meses nos que se aprobou un Regulamento para o camposanto municipal, como as promesas do alcalde na Comisión previa ao pleno, na que se debatera ese punto, e onde dixo que nos próximos días (foi no mes de xaneiro) crearía unha comisión específica para analizar a súa forma de xestión e fixar unhas taxas para os nichos e demais elementos funerarios; sen esquecer o informe do Valedor do Pobo no que lle pide celeridade ao goberno municipal para poñer en funcionamento o cemiterio.
Os Socialistas de Ames consideran un erro que desde o mes de xaneiro o alcalde non tomara a iniciativa para iniciar os trámites de apertura do cemiterio, e “iso pon de manifesto que para este goberno non foi unha prioridade que o cemiterio de Os Batáns se puxese a disposición dos veciños e veciñas, por iso permitiu o seu abandono e foi excesivamente permisivo coas actos vandálicos que alí se cometeron”, manifesta o candidato socialista José Miñones, que continúa dicindo que “as escusas dadas durante todos estes anos polo alcalde non era máis que unha cortina de fume para tapar a súa intención de manter pechada esta infraestrutura tan necesaria e tan reclamada”.
Pregunta no pleno do mes de marzo
Lembran os Socialistas que aínda no último pleno ordinario do mes de marzo un dos membros do Grupo do PSdeG preguntoulle ao alcalde pola situación na que se atopaba o cemiterio, e cando ía a convocar a xuntanza prometida; nin o alcalde nin ningún outro membro do goberno respondeu a esta pregunta. Pero, desde o Partido Socialista de Ames amosan a súa sorpresa ao ler nun medio de comunicación que o alcalde desiste de realizar as xestións oportunas no que queda de mandato porque prefire que o novo Goberno que saia das urnas en maio se encargue do tema, ante isto o portavoz socialista di que “é intolerable que o alcalde non cumpra coa súa labor e desista xa de xestionar a apertura do cemiterio, debe de ser que non ve posible sacarse unha foto ou poder facer un acto electoralista dos que nos ten acostumados”.
Continúan dicindo os Socialistas que as presas e a nefasta xestión do goberno do PP e de Santiago Amor lévannos a situacións como estas que veñen de catro anos dun abandono absoluto e de mirar para outro lado. “Debemos de concienciarnos da necesidade imperiosa de abrir o cemiterio de Os Batáns e de buscar as fórmulas necesarias para conseguilo”, di José Miñones; e explica que “non se pode consentir e se debe de castigar a quen durante catro anos consentiu que un investimento de cartos públicos de case 2 millóns de euros se fose esmorecendo e deteriorando, o que pon de manifesto que pouco lle interesaron a este goberno e a este alcalde os veciños e veciñas de Ames”, sentencia Miñones.