Os socialistas de Ames presentaron hoxe o seu programa electoral aos medios de comunicación. A noite anterior xa o fixeron ante as ANPAS, asociacións de comercio, deportivas, culturais e de veciños, tamén a comisións de festas e clubs deportivos.

“O noso programa electoral é un reflexo fiel da nosa forma de ser e de traballar. Amosa outra forma de ser coa xente, coas organizacións sociais, culturais e deportivas, cos colectivos profesionais, coa mocidade, coas mulleres e os maiores, con todos e cada un dos veciños e das veciñas”, enfatiza o alcaldable.

No día de hoxe os socialistas de Ames presentaron o seu programa electoral aos medios de comunicación nun almorzo informativo na Cafetería New York de Bertamiráns. No día anterior xa lle presentaron aos colectivos e asociacións de comercio, deportivas, culturais e de veciños do Concello o seu programa, porque tal e como dixo o candidato socialista: “Queremos que as forzas vivas e cidadás de Ames sexan as primeiras en coñecer as nosas propostas de goberno, porque elas son a esencia e a base do corazón do noso municipio”, para continuar dicindo que “non entendemos un goberno sen o apoio e o compromiso dos colectivos cidadáns, porque nós queremos facer as cousas doutra maneira, de feito, na súa redacción tivemos moi en conta todas as propostas que viñemos recollendo ao longo destes 4 anos de traballo na oposición.

“Estamos moi contentos co programa electoral que presentamos porque é un reflexo da nosa forma de ser, de facer política. Nós queremos transparencia na xestión, pero tamén nos convenios, nos contratos, na nosa labor como traballadores públicos, que somos”, di Miñones. E engade, “pero tamén queremos unha axenda aberta do alcalde, queremos un instituto do Milladoiro con todas as dotacións, xa o dixemos ao comezo do curso. Tamén queremos un centro de saúde do Milladoiro acorde coas necesidades dos veciños, igual que en Bertamiráns, onde se necesitan importantes melloras”.

Ao longo deste mandato os socialistas de Ames fixeron unha oposición activa, criticando as políticas do partido popular respecto de temas coma o lixo ou a falta de presuposto para Ames nos orzamentos da Xunta. Este catro anos estiveron ao lado dos veciños e veciñas, presentando rogos, preguntas e mocións para que tivesen voz as queixas veciñais. “Todo este traballo foi o que nos permitiu facer este programa electoral sólido, crible e viable. Porque os tempos non están para prometer cousas irrealizables, que quedan moi bonitas no papel pero que son inviables. Nós queremos un plan de mantemento das infraestruturas municipais, das pistas, do noso patrimonio, que está gravemente deteriorado”, asegura o alcaldable.

“Queremos tamén uns orzamentos participados, queremos escoitar aos veciños e saber onde queren que se invistan os cartos dos seus impostos. Queremos que os mozos “creen o seu ocio”. Queremos un concello máis participativo, queremos un Ames que premie a creatividade, o traballo dos artistas, do comercio e da hostelería, que son os vertebradores da sociedade amesá”, enfatiza Miñones.

“Queremos que os emprendedores creen empresas e queremos que as PEMES sigan traballando en Ames, por iso propoñemos diferentes rebaixas nas taxas e nos prezos do Concello. Queremos fomentar o asociacionismo para conformar un gran concello, no que todos se sintan integrados e respectados. En definitiva, queremos un Concello de todos e para todos”, sentencia o candidato socialista.

Este programa electoral, din os socialistas, pode parecer ambicioso, e realmente o é, pero sobre todo está conformado por propostas realista e factibles a base de traballo, esforzo e moita xestión; e, cun compromiso previo de poder desenvolvelo, xa que como mantivo e mantén o candidato do PSdeG “só prometemos o que sabemos que podemos cumprir, xa que dentro de catro anos queremos poder mirarlle aos ollos aos veciños e veciñas de Ames sen ter que avergoñarnos”

Programa Electoral Ames (pdf)