Os socialistas de Ames fan un apuntamento especial no seu programa sobre a cooperación entre concellos en áreas afíns e na realización de proxectos comúns cun mesmo obxectivo, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.
Lembra o candidato socialista que durante o seu goberno socialista “xa fomos quen de colaborar activamente cos concellos limítrofes en temas tan importantes como o da prevención de drogas ou o do emprego”, en relación a convenios co concello de Brión e de Negreira, laméntase Miñones de que “algúns deles a día de hoxe teñan desaparecido.
Os límites comarcais e os tempos actuais obrigan, de certa maneira, a que os concellos enfoquen as súas políticas nunha maior cooperación entre municipios próximos e con problemáticas comúns. Esta é unha idea que sempre teñen en mente os socialistas de Ames, xa o fixeron no pasado, pero no seu programa electoral, para os vindeiros catro anos co que contan saír elixidos, seguen apostando polos convenios entre concellos.
Miñones confía nesa posibilidade “queremos fusionar servizos, cremos que é necesario manter ese contacto directo cos nosos concellos veciños, na maioría dos casos, temos as mesmas preocupacións e problemáticas, e se somos quen de mancomunar os servizos o aforro en cartos será maior, pero tamén o aforro en tempo, xa que poderemos atallar os problemas máis rapidamente e poderemos rendibilizar os recursos existentes”.
Neste contexto o candidato á alcaldía de Ames cre que “nós sempre temos moi en conta a comarca, unha idea que se perdeu pero que é moi importante para concellos como o noso. A colaboración con Brión, Teo, Santiago e Negreira é imprescindible se falamos do transporte metropolitano, de programas de emprego como o taller Entre Ríos que facemos con Brión e está a dar moi bos resultados, pero tamén os que teñen que ver con infraestruturas, co tratamento dos residuos sólidos, a eficiencia na xestión e protección dos nosos recursos naturais, fomento do turismo ou a mellora na seguridade e na colaboración nos servizos de emerxencia.”
O candidato salientou que “imos seguir traballando para que o parque comarcal de bombeiros se constrúa no Milladoiro e poder dar este servizo a toda a contorna, estamos convencidos de que é a ubicación estratéxica perfecta para tal infraestrutura”.
Os socialistas sinalan no seu programa medidas tales como a mellora do transporte metropolitano, a xestión necesaria para a construción da variante de Aradas, tamén levarán a cabo todos os trámites pertinentes para conseguir a construción da nova depuradora de Santiago e a ampliación da xa existente en Sisalde, “debemos de deixar de ser os que recollamos todos os residuos que xera Santiago”, puntualiza Miñones. Outro dos asuntos polos que van loitar é a construción da variante entre Santiago e a saída do Milladoiro para sacar, “dunha vez por todas” o tráfico pesado do centro do Milladoiro.