“O obxectivo da Mesa Local do Turismo será o de estudar e aproveitar as potencialidades turísticas de Ames”, puntualiza o candidato socialista.

O programa electoral socialista tamén inclúe a implantación dun plan de limpeza e conservación de todos os elementos patrimoniais municipais, como lavadoiros, fontes e muíños. Ao tempo que impulsarán a realización de actividades ao aire libre para dar a coñecer os recursos paisaxísticos e patrimoniais amesáns.

O concello amesán posúe un importante patrimonio, histórico, ecolóxico e etnográfico, así como, unha gran riqueza paisaxística de inmenso valor turístico que, segundo os socialistas de Ames, “está sen explotar”. “Cremos que a situación xeográfica de Ames, por onde discurre parte do Camiño Portugués e do Camiño de Santiago que vai a Fisterra, ten un valor engadido como xerador de emprego e riqueza, que a día de hoxe está sen explotar”, di Miñones.

Neste senso, os socialistas de Ames comprométense a crear a Mesa Local do Turismo para estudar e aproveitar as potencialidades turísticas de Ames. “No anterior goberno socialista xa elaboramos unha serie de iniciativas de conservación, valorización e difusión da nosa riqueza patrimonial. Nós imos recuperar esa idea para desenvolver un ambicioso programa turístico e cultural do noso concello”, sinala o alcaldable.

A partir deste punto, os socialistas difundirán a guía turística do concello, que xa está feita pero “alguén deixou esquecida nun caixón”. Ademais, os socialistas teñen a intención de recuperar o estudo do Patrimonio Inmaterial e Material do Concello para difundilo de forma lúdica e instructiva entre os máis pequenos. Previamente contemplan un minucioso plan de sinalización ao pé de todos estes elementos así como un proxecto de limpeza e conservación dos mesmos.

Os socialistas denuncian que a deixadez do goberno popular provocou que “se perderan as rutas de sendeirismo que sinalara o partido socialista durante o seu mandato, por iso nós imos recuperar os roteiros de Riamonte e as sendas de tipo cultural-ambiental que existen pero que agora están botadas a perder”. Engade Miñones que “tamén queremos fomentar o turismo de autocaravana e imos promover a firma de convenios de colaboración con outros concellos para facer visitas turísticas, coa idea de potenciar a diversidade cultural galega e o seu coñecemento”.