Os socialistas de Ames critican que durante estes catro anos “o goberno popular non fixera ningún tipo de xestión para dotar ao concello das infraestruturas demandadas, deixando aos veciños en total desamparo nas súas necesidades”.
“Queremos un urbanismo respetuoso co medioambiente, para conseguilo imos promover o uso de enerxías renovables e alternativas e tamén faremos unha auditoría da rede eléctrica para, finalmente, implementar o cambio a lámpadas LED no alumeado público”, afirma o candidato socialista, José Miñones.
O alcaldable socialista afirma que eles non cesarán na “procura de parcelas axeitadas para infraestruturas educativas, sanitarias e de tipo social que Ames precisa”, asemade di que “aumentaremos os espazos recreativos e as zonas verdes e faremos un circuito biosaudable para os maiores”. Enfatiza o candidato socialista neste punto que “someteremos a información pública os convenios urbanísticos e as actuacións de modificación puntual do PXOM”.
Segundo os socialistas de Ames, o concello leva catro anos paralizado en materia de urbanismo, “realmente en calquera materia”, matiza Miñones. Pero grave é que durante este “triste e silencioso mandato” non se fixese ningunha política respecto das infraestruturas necesarias para o Concello, como pode ser un novo centro de saúde no Milladoiro, o parque comarcal de bombeiros ou infraestructuras de tipo social e educativo, “non podemos esquecer que somos o concello máis xoven de Galicia”, aclara Miñones.
Os socialistas recollen no seu programa a creación “dun banco de vivenda para aluguer social” para os sectores máis desfavorecidos ou con dificultades para acceder a unha vivenda, ademais de “reforzar a atención e a axuda municipal contra os desafiuzamentos”. Tamén, “imos recuperar o programa de erradicación de infravivendas en colaboración cos propietarios ou usuarios das mesmas, e mellorar a accesibilidade á vivenda mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas, sobre todo para persoas con discapacidade”, enfatiza Miñones.
Os socialistas apostan pola protección do medio ambiente
A política mediombiental socialista vai vir marcada pola preservación da biodiversidade dos espazos naturais e a sensibilización da cidadanía no respecto ao medioambiente, para conseguir isto, os socialistas de Ames elaborarán un programa de concienciación dos escolares a través da Aula da Natureza, sita en Ameixenda, pero tamén farán campañas de educación ambiental sobre todo na reciclaxe do lixo.
“Queremos que o emprego de enerxías renovables se xeneralice, favorecendo a utilización de paneis solares, por exemplo. De feito, o primeiro que imos facer é dar exemplo levando a cabo unha auditoría da rede eléctrica do concello para comezar o cambio das lámpadas actuais a LED, co aforro, tanto enerxético como económico que iso trae consigo”, asevera Miñones.
Por outra banda, os socialistas de Ames contan cun plan de bonificacións, tanto no IBI como no ICIO, para incentivar a utilización destas enerxías renovables, así como o uso de vehículos respetuosos co medioambiente..
Engade o candidato socialista que “tamén queremos promover a recuperación de camiños e a apertura de novas rutas de sendeirismo, fomentando o turismo de natureza e as sendas verdes. A través de Augas de Galicia promoveremos a mellora dos ríos e cauces fluviais, sen esquecer que lle daremos un impulso práctico ao plan de prevención de incendios forestais, repoboando con especies autóctonas as posibles zonas queimadas”.