“Queremos un rural respectado polos mandatarios e do que os veciños e veciñas se sintan orgullosos. Un rural con pistas e camiños asfaltados, un rural cun bo alumeado público e cun acceso a internet acorde co século XXI. Nestes anos de desgoberno popular foron moitas as obras de saneamento que solicitamos e que o PP ignorou facer”, afirma o candidato socialista.

O alcaldable socialista criticou duramente que o “desgoberno” popular non fixera obras de saneamento durante estes catro anos de mandato e matizou que “falo de mandato porque foi o único que fixeron, mandar e executar o que lles viña en gana sen ter en conta a opinión dos veciños e das veciñas e sen priorizar as necesidades que as parroquias estaban a demandar”.

Os socialistas de Ames afirman que dende o minuto un, se eles chegan ao goberno, van “rematar as obras de saneamento que están empezadas” e comezarán a traballar nas que aínda “non teñen nada feito”. “Levamos catro anos de atraso neste senso pero, para nós, o saneamento é unha prioridade. Un concello como o noso, en pleno século XXI, non pode ter unha carencia tan grande”.

Para os socialistas tamén vai ser prioritario unha banda ancha de calidade no rural, así como a dotación de internet aos centros socioculturais para que veciños e veciñas poidan facer distintos trámites coa administración, como a solicitude de cita en Atención Primaria. O mantemento do alumeado público e a conservación en bo estado de pistas e camiños son outros dos puntos fortes do seu programa. A este respecto Miñones salienta que “nas visitas ás parroquias que temos realizado a longo destes anos, as demandas veciñais sempre ían por estes derroteiros. Non podemos seguir consentido esta parálise. Queremos un rural digno e sostible”.

Moitas destas necesidades detectadas serán subsanadas a través do Plan Estratéxico de mantemento de Infraestruturas municipais, camiños e pistas rurais, alumeado público, mobiliario urbano, equipamentos deportivos, etc. que os socialistas porán en marcha unha vez sexan a forza máis votada. “O obxectivo deste plan é anticiparnos ás necesidades do concello o que redundará nunha maior eficacia e eficiencia na xestión ao dotarnos dun programa estru turado e planificado de investimento”, sinala Miñones.

Unha novidade é a posta en marcha da aplicación “o veciñ@ informa”, mediante a cal poderanse facer suxestións, avisos e denuncias de todas as deficiencias dos servizos municipais (auga, luz, baches, limpeza, …). “Queremos que os veciños e veciñas participen do Concello, son eles os primeiros en detectar o problema e a necesidade, co traslado da súa demanda o Concello actuará no momento xusto, evitando que calquera deterioro vaia a máis”, puntualiza o candidato socialista.

Por outra banda, din os socialistas que “continuaremos co seguimento e a inspección continua das obras municipais executadas por empresas privadas coa dobre finalidade de evitar que se incorra nalgunha irregularidade ao tempo que se garante o cumprimento nos prazos de entrega.