Os socialistas de Ames comparten a boa nova que publica hoxe a web do Concello pero salientan que ata o do momento só está aprobada a revisión por parte da Xunta de Galicia e que aínda queda que a Dirección do Catastro do Ministerio de Facenda faga efectiva esa redución.
O portavoz socialista, José Miñones, critica a “tardanza desta solicitude, a súa publicación en plena campaña electoral e o esquecemento de que hai outros terreos en similares condicións” noutros lugares do Concello.
Os socialistas de Ames aplauden o movemento do Concello de Ames de solicitar á Dirección do Catastro a baixada do IBI nos terreos de carácter urbano no polígono de Portanxil-Pegariños pero critican a “tardanza desta solicitude, a súa publicación en plena campaña electoral e o esquecemento de que hai outros terreos en similares condicións” noutros lugares do Concello.
“De novo, atopámonos con palabras que aínda non están cumpridas, se ben a Xunta de Galicia permitiu ese cambio no PXOM, a Xerencia do Catastro aínda non se pronunciou sobre ese tema, co cal, non é de todo certa esa baixada do IBI”, afirma José Miñones, candidato á alcaldía de Ames.
Por outra banda, Miñones aclara que “a día de hoxe, nós non temos coñecemento destas actuacións nin tampouco se nos presentou ningún tipo de documentación que acredite as informacións que aparecen hoxe na web municipal”.
Lembra o candidato que o tema da rebaixa fiscal é un asunto no que o resto de formacións políticas levan tempo incidindo. Puntualiza Miñones que “no mes de setembro levouse a pleno unha moción para levar a cabo o cambio de cualificación nestes terreos seguindo unha sentenza do 30 de maio de 2014, cando o Tribunal Supremo na sala do Contencioso ditaminou que os propietarios de terreos considerados nos Plans Xerais Municipais como urbanizables, e que, pola súa definición, aínda non eran urbanos porque non foran sometidos a tales obras, pagaran o Imposto de Ben Inmobles como terreo rústico e non urbano”.
“Oito meses despois o goberno popular sorpréndenos con esta noticia que, de momento, non provoca ningún cambio para os propietarios destas fincas pero si dan publicidade ao partido no goberno, que se vangloria, como no resto do seu mandato, de publicitar verdades a medias, tarde, mal e arrastro”.