“Imos implantar a Iniciativa Cidadá Local para incorporar as propostas da cidadanía aos procesos de goberno do concello, Queremos un concello transparente, con orzamentos participativos nos que o diálogo e a escoita activa sexan os puntos centrais”, sinala o candidato socialista á alcaldía de Ames, José Miñones.
“Queremos unha xestión económica baseada na eficiencia e na redistribución solidaria dos recursos públicos, onde primen os orzamentos centrados nas prioridades veciñais e que blinden os servizos públicos e sociais”, afirma Miñones.
José Miñones volveu falar de transparencia, participación e da axenda aberta do alcalde. Para o candidato socialista é esencial que “a veciñanza volte ao Concello e para conseguilo os socialistas, que tamén somos veciños e veciñas deste concello, imos poñer en marcha o Portal da Transparencia, o seu obxectivo será o de render contas, mostrando con total transparencia os procedementos, contratos, convenios, subvencións e a execución orzamentaria”.
Considera o alcaldable que de pouco valería isto sen o ambicioso regulamento de participación cidadá “que imos poñer en marcha, para devolverlle aos veciños e veciñas o seu dereito a intervir no proceso de decisións a nivel local, isto está directamente relacionado coa implantación dos presupostos municipais participados, que queremos implantar neste mandato se, grazas ao apoio dos nosos veciños e veciñas, chegamos ao goberno”.
A “axenda aberta do alcalde” e dos concelleiros, será a guía para manter un contacto máis directo e áxil entre a corporación e a veciñanza.
Un concello cunha xestión económica eficaz baseada na eficiencia
Os socialistas de Ames son conscientes de que o estado actual de endebedamento do consistorio por culpa dun plan de axuste, que paraliza as actuacións municipais, e dun crédito que afoga as arcas públicas, debido ao seu alto tipo de interese, necesita dunha nova negociación para acadar un mellor equilibro financeiro e unha mellora na capacidade económica do concello.
Con este importante paso os socialistas establecerán un Plan Estratéxico Financeiro e Fiscal que permita as reformas necesarias para axudar ás persoas que máis o necesiten, procurando uns orzamentos centrados nas prioridades dos veciños e das veciñas, blindando os uns servizos públicos orientados a obter a máxima rendibilidade social.
“A través dos presupostos municipais participados, queremos consultar cos veciños e coas veciñas a orde de prioridade dos investimentos municipais”, completa o candidato socialista.
Unha administración municipal máis eficiente, próxima e moderna
Nestes anos, o goberno do partido popular minou a calidade dos servizos públicos e o desenvolvemento municipal sufriu unha parálise que só se veu solventada grazas ao traballo dos empregados públicos que foron quen de sacar adiante moitas das actividades, actuacións e obras levadas a cabo.
Di Miñones que “nós queremos poñer en valor todo o traballo dos empregados e das empregadas do concello, que, día a día fan posible o quefacer do concello. Queremos mellorar as súas condición laborais e recoñecer a súa cualificación profesional”.
“Decididamente imos apostar polos recursos humanos do Concello. Queremos unha administración profesionalizada, formada e responsable como garantía da eficacia e da calidade na atención aos veciños e veciñas”, aclara o alcaldable.
Remata Miñones dicindo que “queremos un un concello adecuado aos tempos, por iso apostamos por un “concello aberto os 365 días, as 24 horas”, implementando unha tramitación electrónica áxil e competitiva co obxectivo de reducir os continuos desprazamentos dos amesáns e das amesás ás oficinas municipais”.