Os Socialistas pechan esta primeira fase de xuntanzas na que buscan os apoios suficientes para a investidura do vindeiro 13 de xuño

As primeiras reunións do Partido dos Socialistas de Ames co resto de forzas políticas está a deixar bo sabor de boca grupo que lidera José Miñones. Os socialistas achéganse a estas negociacións como a forza de esquerdas máis votada nas eleccións municipais do 24 de maio.

“Estamos a manter esta primeira toma de contacto con moito respecto e responsabilidade. Os veciños e veciñas de Ames falaron nas urnas e foron eles os que decidiron cales deben ser as formas e os acordos futuros do Goberno de Ames”, sinala o candidato socialista.

Tan só oito votos separan ao PSdeG-PSOE de Ames do Partido Popular e do obxectivo marcado de ser a forza máis votada. “Nós sempre antepoñemos o benestar dos veciños e veciñas de Ames, así o fixemos dende a oposición e así o faremos durante as conversas que nos permitirán comandar un goberno que devolva a Ames o prestixio que se merece e os servizos de calidade polo que tanto temos loitado os socialistas”, afirma Miñones.

O Partido Socialista salienta que ao longo dos vindeiros días irán matizando, xunto co resto de partidos, a fórmula máis axeitada de goberno, así como os puntos de interese que deben prevalecer durante a negociación. “O diálogo e a responsabilidade son esenciais durante estes días e nós ofrecémonos a escoitar todos os puntos de vista ata acadar un goberno estable, responsable e que, ante todo, antepoña o benestar dos e das amesás”, matiza o líder socialista; e, deixa claro que para conformar un goberno é imprescindible poñer de manifesto un programa de actuación inmediata que contemple unha serie de medidas orientadas cara a fomentar a transparencia da administración e dos grupo políticos e a participación da cidadanía, así como o traballo e a xestión efectiva diante da Xunta de Galicia para a consecución de infraestruturas urxentes como poden ser o Centro de Saúde de Milladoiro, a dotación necesaria do IES de O Milladoiro, ou buscarlle solución aos problemas de seguridade do IES Plurilingüe de Ames (Bertamiráns); ademais de blindar nos próximos orzamentos os servizos sociais municipais ou potenciar e axudar ao comercio local. “Ames ten moitas carencias que necesitan unha atención urxente, por iso temos a obriga e o compromiso de entendernos para empezar a traballar”, manifesta Miñones.

Nestas primeiras conversas, que remataron no día de onte, non foi chamado o Partido Popular, co cal si se mantivo unha conversa telefónica, na que se lle trasladou que os Socialistas consideran innecesario e fóra de lugar calquera tipo de reunión con eles ao considerar que o obxectivo destas reunións é lograr apoios para a investidura e chegar a acordos dunha futura gobernabilidade, na que non estaría o PP de Ames.