Neste sentido, os socialistas recalcan que durante estes 100 días houbo unha apertura total do concello aos veciños e ás veciñas amesás, ademais de comezar a cumprir promesas realizadas durante a campaña electoral, como a dobre dirección na Travesía do Pedregal.
Paco Villaverde, Secretario Xeral dos Socialistas de Ames considera que se está a lograr o cambio que pediu a cidadanía
O PSdeG-PSOE de Ames fai unha valoración altamente positiva do traballo que estivo a realizar o goberno durante os seus primeiros cen días de mandato. O seu secretario xeral, Paco Villaverde, sinala que o socialista José Miñones, alcalde de Ames, “soubo dar unha resposta clara” ao resultado obtido nas eleccións de maio, ofrecendo unha “importante lección de transparencia e diálogo”.
Villaverde recorda que o Partido Socialista estivo durante un mes gobernando o Concello en solitario, á procura dun consenso coas restantes forzas políticas co gallo de representar os intereses de todos os veciños e veciñas, e así conseguir os compañeiros de goberno máis axeitados para os vindeiros catro anos.
As negociacións chegaron a bo termo coa entrada dos grupos políticos, Contigo Pódese e Bloque Nacionalista Galego, cos que foron quen de xuntas os puntos que compartían ao tempo que limaban as pequenas diferenzas existentes. A súa entrada no goberno permitiu sentar as bases para levar a bo termo os 21 puntos do compromiso para a investidura do día 11 de xuño do socialista José Miñones como alcalde de Ames.
“Temos que valorar de maneira positiva o interese de todos e todas as concelleiras, o compromiso acadado coa veciñanza á hora de axilizar o traballo administrativo así como a preocupación por dar resposta a todas e cada unha das cuestións que se lles formulan”, afirma Villaverde.
Ante as valoracións negativas aparecidas estes días nalgúns medios de comunicación, Villaverde afirma que “son opinións totalmente subxectivas e parciais e que non representan, de modo algún, o coñecemento do traballo que se está a realizar por parte do novo goberno”.
“Cremos que todos os veciños e veciñas están a coñecer unha maneira de traballar transparente, dialogante e na que se práctica en todo momento a escoita, o diálogo e a consulta ante calquera cuestión de interese, tanto persoal como da comunidade amesá en xeral”, enfatiza o Secretario Xeral.
Sinalan os socialistas que o goberno xa ten feita a axenda de visitas ás parroquias para informar e coñecer as aportacións para o inventario de bens municipais, a información aos establecementos sobre a ocupación de terrazas, a información referida ao cemiterio municipal e a súa próxima apertura, tamén información referente ao local de Aldea Nova, o Centro de Saúde do Milladoiro, a relación cos concellos limítrofes así como todo o relacionado coa comisión do ciclo da auga.
Matiza Villaverde que “é imposible contentar a todos e, moito menos, aos partidos da oposición, xa que seguen na súa teima de non ver nin oír a realidade do cambio en Ames” e engade “a unión que está a amosar o novo goberno é algo que confunde e altera aos membros da oposición, que non aceptan que o diálogo e o bo entendemento é posible cando se pensa no benestar dos veciños e das veciñas”.
O Partido Socialista de Ames tamén ten palabras de recoñecemento para os traballadores e traballadoras do Concello, tanto funcionarios coma laborais, aos que agradece o seu esforzo e o seu interese para que o Concello funcione cada día mellor, traballando por e para os veciños e veciñas amesás.