O Grupo Municipal Socialista amesán considera que a Reforma da Lei da Administración Local aprobada polo PP no ano 2013 “supón un ataque frontal á autonomía local e á súa capacidade de prestar servizos á cidadanía”
A moción dos socialistas debaterase no vindeiro pleno ordinario amesán correspondente ao mes de xaneiro
Os Socialistas de Ames veñen de presentar para o debate no vindeiro pleno ordinario unha moción na que critican e rexeitan a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. Para os membros do PSdeG esta lei, que veu a reformar a Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, supón “un ataque frontal á autonomía local e á súa capacidade de prestar servizos á cidadanía. Tamén á consideración que ata agora se tivo do municipio como goberno político, converténdoo nun mero xestor de decisións alleas”, tal e como afirma o texto presentado.
Consideran que os concellos sufriron as políticas de austeridade máis agresivas e insolidarias, e iso repercutiu de maneira moi negativa na cidadanía que veu recortados de maneira palpable os servizos máis básicos, xa que lle quita as competencias ás entidades locais en materias tan básicas e necesarias coma: os servizos sociais e de promoción e reinserción social, sanidade, consumo, igualdade, políticas de emprego, etc.
Para as concelleiras e concelleiros socialistas é fundamental que se derrogue esta lei de maneira urxente e se aprobe unha Lei de Réxime Local que reforce a autonomía local e garanta un sistema de financiamento estable e proporcional a unhas competencias ben definidas dos entes locais. Ademais, piden tamén que se impulse unha nova lei de Facendas Locais que dote de estabilidade e recursos as competencias asumidas polas entidades locais.
Texto íntegro da moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local veu a reformar a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, de forma que supuxo un ataque frontal á autonomía local e á súa capacidade de prestar servizos á cidadanía. Tamén á consideración que ata agora se tivo do municipio como goberno político, converténdoo nun mero xestor de decisións alleas. Os Concellos foron as administracións públicas que sufriron as políticas de austeridade máis agresivas e insolidarias.A reforma exposta priva ás entidades locais das competencias en materia de prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social, así como noutras competencias: sanidade, consumo, igualdade, políticas de emprego, etc.
A nova Lei consagra unha visión exclusivamente economicista das funcións mesmas do Estado, e en especial das Entidades Locais, ao citar a estabilidade orzamentaria como principio reitor que debe presidir as actuacións de todas as Administracións públicas no canto de situar a atención nos e nas cidadás e a calidade na prestación de servizos no centro da reforma. Paradoxalmente, esta medida de suposto aforro establécese sobre a Administración Local, a única que se mantén sen déficit público en 2015 e as previsións ata 2019 sitúanse no 0,0 %.
Desde o principio, o PSOE opúxose frontalmente a esta reforma porque ataca e dana á raíz mesma do goberno municipal, recorta competencias aos concellos e abre o camiño á desaparición ou a privatización dos servizos sociais que prestan os concellos. O texto é, ademais, un ataque á Carta Europea de Autonomía Local. Tamén se opuxeron o resto dos grupos da oposición e alcaldes de toda España, incluídos moitos do Partido Popular. Por iso, presentouse un recurso de inconstitucionalidade contra esta Lei.
Igualmente, máis de 3.000 concellos de toda España, que representan a máis de 16 millóns de cidadáns e cidadás, expuxeron un conflito ante o Tribunal Constitucional en defensa da autonomía local constitucionalmente garantida. Tanto os recursos presentados como o conflito exposto foron admitidos a trámite polo Tribunal Constitucional e están pendentes de tramitación e sentenza.
A crise económica expón novos retos para as entidades locais, retos que, unidos á necesaria derrogación da Lei para a Reforma Local, abren un escenario que debe estar protagonizado polas propostas, o diálogo e o consenso político para resolver con eficacia os problemas que veñen arrastrando as entidades locais e cuxos primeiros afectados son os cidadáns e cidadás.
O principal obxectivo debe ser aplicar o principio de subsidiariedad. As entidades locais son as administracións máis próximas á cidadanía. Por iso, reforzar o seu carácter democrático e mellorar a súa capacidade para prestar servizos deben ser as prioridades. Para iso é fundamental a participación da cidadanía nas decisións máis importantes dos concellos, mediante mecanismos efectivos de participación. A segunda característica ten que ser a transparencia. A cidadanía necesita saber de forma clara que fai a administración que teñen máis próxima. Só así se poderá xulgar e controlar aos gobernos locais e aos seus representantes con responsabilidade. O terceiro trazo é a suficiencia orzamentaria. Desde hai moito tempo os nosos concellos necesitan unhas competencias claras e uns ingresos suficientes para levalas a cabo. Só unha administración que atende aos seus cidadáns e cidadás é unha administración útil.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista de Ames presenta a seguinte,
ACORDO:
1. Instar ao Goberno do Estado a adoptar urxentemente as medidas necesarias para:
– Derrogar a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local.
– Aprobar unha Lei de Réxime Local que reforce a autonomía local, que garanta un sistema de financiamento estable e proporcional a unhas competencias ben definidas dos entes locais e aquelas que non sendo propias, previo convenio, poidan desenvolverse sen comprometer a estabilidade orzamentaria con garantías de control e transparencia da xestión pública.
– Impulsar, desde o consenso, unha nova lei de Facendas Locais que dote de estabilidade, rigor e recursos as competencias asumidas polas entidades locais, de forma coordinada coa do financiamento autonómico, definindo con claridade a participación das facendas locais nos tributos do Estado (PIE) e nos das Comunidades Autónomas (PICAs)
2. Dar traslado do presente acordo a todos os grupos con representación no Congreso do Deputados e Deputadas.