Milladoiro

Os deputados do PSdeG no Congreso solicitarán unha partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado para poñer en marcha a variante á Nacional 550 ao seu paso por Ames, co obxectivo de limitar o tráfico pesado e evitar os accidentes na zona.

Pilar Cancela mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Ames, José Miñones, dentro da rolda de contactos previa á elaboración dos orzamentos que os deputados e deputadas socialistas manteñen coas distintas agrupacións e concellos para coñecer as súas demandas.

O alcalde amesán reivindicou a necesidade de construír unha variante no Milladoiro para quitar o tráfico, “máis de 30.000 vehículos diariamente”, do Milladoiro; e dixo que esta xa é unha demanda histórica. “Danos o mesmo o sistema para a variante: unha estrada exterior, un tunel, … o que queremos e que se faga un estudo en profundidade e se execute a solución resultante”, indicou José Miñones.

“É necesario abrir un marco de negociación entre o concello, a Xunta e Ministerio de Fomento para buscar un arranxo definitivo á N-550, os orzamentos xerais deben ter en conta a situación e darlle unha solución”, apuntou Cancela.

“Esperemos que o goberno galego teña peso en Madrid para esta cuestión e non pase o que pasou coa AP-9 esta semana, na que o Partido Popular non respectou en Madrid un acordo unánime no Parlamento de Galicia”, engadiu a deputada socialista, que lamenta “a perda de poder e de influencia de Feijóo”.