Fernández Leiceaga reclama “máis implicación da Xunta na prevención” e colaboración cos concellos porque “os incendios apáganse no inverno entre tódalas administracións”

José Miñones explicou o Plan Piloto de Ames polo que se plantan especies autóctonas para protexer os núcleos de poboación de Ames do risco dos incendios forestais

“Facer o que fai Ames en toda Galicia”, así resumiu o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, a súa proposta para pedirlle ao goberno galego máis implicación na ordenación e posta en valor do monte como principal medida preventiva contra o lume forestal. O responsable socialista visitou o plan piloto de prevención de incendios substituíndo especies pirófitas por outras máis resistentes ao lume que este Concello está aplicando na parroquia de Piñeiro.

Fernández Leiceaga quixo poñer en valor esta iniciativa para reclamarlle ao goberno galego a apertura de vías de colaboración cos concellos para “apagar os incendios no inverno e entre tódalas administracións” afondando nas medidas preventivas. Advertiu neste sentido que o abandono e unha elección “pouco afortunada” de especies “incrementa o risco de incendios”, polo que cumpre “atallalo con políticas de ordenación e xestión forestal”.

O responsable socialista deu a voz de alarma para reclamar “subvención, auxilio e medidas de subsidio” desta actuacións para unhas entidades que en ocasións non poden asumir esas tarefas. Nese momento é cando a Consellería do Medio Rural debe tomar cartas no asunto e asumir as tarefas de prevención, xa que, dixo, “non podemos tirarlle responsabilidades aos concellos sen darlles medios para as cumpran”.

Ademais, criticou as declaracións “preocupantes” do director xeral de Montes, que se lamentaba en declaracións aos medios de que “se cumpríramos a lexislación reduciríase substancialmente o risco de incendios”. Leiceaga confesouse “atónito” ante esta afirmación de quen precisamente é “o máximo responsable de que isto se faga”, o que, na súa opinión, “non pode pasar nun país normalizado”.

Os socialistas galegos presentarán no próximo Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei para complementar os medios de extinción de incendios incrementando os recursos dirixidos tanto á prevención a través da ordenación de usos do monte, como a axilizar os xuízos por incendios provocados.

Plan piloto

Fernández Leiceaga visitou hoxe a parroquia de Piñeiro, en Ames, xunto co alcalde do Concello, o socialista Jose Miñones, quen explicou o plan piloto de prevención de incendios no que foron substituídas as árbores por especies máis resistentes ao lume escollidas polos veciños e veciñas, que se comprometen ao seu mantemento.

O Concello asegúrase así do cumprimento coa legalidade en materia de ordenación do monte e os veciños participan do mantemento dos en torno a 1.000 castiñeiros, bidueiros, nogueiras ou cerdeiras, que foron plantados durante o inverno por tratarse de especies que tardan máis en arder que os pinos e eucaliptos, co que dificultan a propagación do lume.

Leiceaga e Miñones estiveron acompañados nesta visita polo portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos de Ames, Blas García.