Os Socialistas de Ames amosan a súa sorpresa pola repentina preocupación pola accesibilidade dos Populares amesáns cando durante catro anos os tiveron esquecidos e marxinados

O PP debería de facer a súa labor de fiscalización do Goberno con datos reais e cun traballo efectivo, e non realizar acusacións amosando un total descoñecemento

O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Ames sae ao paso ás declaracións realizadas polos Populares amesáns nas que critican ao Goberno pola “tardanza na contratación das obras de accesibilidade”, e explica que resulta sorprendente que agora o PP se acorde repentinamemente das persoas con discapacidade cando durante os 4 anos que estiveron gobernando o concello as tiveron esquecidas e marxinadas.

Paco Villaverde, di que “o PP investiu cero euros en accesibilidade do período 2011 ao 2015 e por iso resulta sorprendente que agora lle entren as presas”. E defende a xestión do Goberno amesán dicindo que “nestes dous anos de Goberno en Ames se realizaron varias e diversas obras de accesibilidade”. Incide o secretario Xeral dos Socialistas no esforzo inversor realizado, e destaca as obras novas do parque infantil integrado do Milladoiro, as obras de accesibilidade nas oficinas xerais e na Biblioteca municipal do Milladoiro, a mellora e adaptación da praza da Maía en Bertamiráns, ou os traballos realizados na praia fluvial de Tapia, entre outras moitas.

Para os socialistas a discapacidade é un punto no que se debería de traballar de maneira conxunta e sen intentar sacar beneficios políticos, porque as persoas con discapacidade precisan do apoio e a sensibilidade de toda a sociedade, por iso non entenden esta saída de ton do Partido Popular, sobre todo cando son coñecedores que mantiveron desatendido a este colectivo e non atenderon ningunhas das súas necesidades máis básicas.

Proceso de licitación do edifico do concello
Para os socialistas resulta tamén preocupante o descoñecemento da administración e dos procesos de licitación das obras, e resaltan que coas declaracións realizadas ou amosan a súa ignorancia, ou, o que é peor, poñen de manifesto a súa mala fe ao intentar enganar á cidadanía.

Aínda que a aprobación do Plan de Acción Social fose a finais do 2015 (como di o PP), onde se incluían as obras de accesibilidade do edificio consistorial, e outras; a Deputación provincial (de quen depende o PAS) non aprobou este ata finais do mes de xuño, e non abriu o proceso ata o mes de setembro. Polo tanto, non existiu tal tardanza ou atraso no expediente; o que pasa é que “o PP debería de facer a súa labor de fiscalización do Goberno con datos reais e cun traballo efectivo, e non lanzarse a realizar acusacións de maneira gratuíta e amosando un total descoñecemento”, afirma Villaverde.