Festa Socialista de Ames. 2017

Un cento de persoas asisten á segunda edición da Festa Socialista amesán que se celebrou en Ortoño

O alcalde socialista destacou “o compromiso, a unidade e o respecto de todas e todos os membros do equipo de Goberno amesán”
Villaverde resaltou o traballo diario dos concelleiros e concelleiras socialistas

O pasado sábado 30 de setembro o PSdeG de Ames celebrou a súa Festa Socialista, nesta ocasión na parroquia de Ortoño, ao carón da carballeira parroquial. Destacan os e as socialistas que ao redor de un cento de militantes, simpatizantes e veciños e veciñas amesás asistiron a esta celebración.

Segundo explican desde a dirección socialista, esta é a segunda edición da Festa Socialista, á cal pretenden darlle continuidade e prolongala ao longo dos anos. Lembran que a primeira edición celebrouse o pasado ano no Milladoiro e contou coa presenza co secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

Na edición deste ano interviron o secretario xeral local, Francisco Villaverde, e o alcalde amesán, José Miñones; e á festa, ademais do portavoz amesán do Grupo Municipal e concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, das concelleiras de Servizos Sociais e da de Promoción Económica e Turismo, Luísa Feijóo e Isabel González Cancela; asistiron, tamén, o portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, o ex alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, o portavoz socialista de Santiago, Francisco Reyes, o concelleiro compostelá, Gonzalo Muíños, entre outros e outras socialistas da comarca.

O secretario xeral amesán amosou a súa satisfacción pola celebración desta festa e destacou o traballo que están a realizar os e as concelleiras socialistas amesás e o alcalde no Goberno. “Sabemos que traballades sen descanso para conseguir que Ames mellore e saia do atraso ao que foi sometido nos últimos anos de goberno da dereita” manifestou Villaverde.

A importancia do diálogo
Pola súa banda o alcalde, José Miñones, destacou na súa intervención a importancia do diálogo, e dixo que os Socialistas de Ames teñen claro que ese debe ser o camiño, e así o entenderon e o decidiron no seu día, hai agora dous anos e medio; “grazas ao mesmo conseguimos acadar o Goberno e tamén mantelo a día de hoxe, con diálogo continuo coas forzas da oposición”, afirmou.

Os logros acadados na primeira metade do mandato
Continuou Miñones comentando que o obxectivo que se fixaron ao comezo deste mandato foi o de solventar os problemas, e non créalos; e, de aí que o Goberno que el preside priorizara o arranxo daqueles problemas que levaban estancados durante moitos anos: Cemiterio municipal, a RPT do concello, as licenzas de 1ª ocupación de Raíces ou do Milladoiro, o novo centro de saúde do Milladoiro, etc. “e por ser capaces de solucionar esas necesidades que levaban paralizadas tanto tempo xa nos sentimos orgullosos”, dixo o alcalde.

“Pero do que máis orgullo temos é dos nosos Servizos Sociais e da nosa aposta por axudar ás persoas que máis o necesitan”, seguiu relatando José Miñones, destacando a contratación de máis persoas para o departamento de Servizos Sociais, a licitación do Transporte Adaptado ou do SAF, o aumento de numero de horas da axuda no fogar en 18.000 horas máis ao ano, a construción dunha vivenda de tránsito, a ordenanza da Renda Básica Municipal, etc. “en definitiva, feitos e non palabras, e por iso insistimos sempre que non somos o mesmo que a dereita” afirmou con rotundidade.

Miñones proseguiu poñendo en valor a xestión do Goberno amesán durante estes dous anos e medio, e poñendo de manifesto o compromiso, a unidade e o respecto de todas e todos os membros do equipo que dirixe o concello, e dixo que “por ese compromiso conseguimos sacar adiante os orzamentos, aprobar a baixada do IBI, poñer en valor a transparencia, facer máis obras de saneamento, apostar polo rural con máis investimento, poñer a funcionar os consellos consellos municipais de Educación ou Deportes, crear e apostar polos orzamentos participativos, poñer a funcionar o plan de prevención de incendios”, proseguindo con vindeiros compromisos como “exixir unha solución ao parque de bombeiros comarcal no que existe un acordo entre alcaldes, seguir investindo nos centros educativos, a modernización e mellora do transporte metropolitano que é o noso primeiro punto de queixa, a depuración do noso río e ampliar e mellorar as depuradoras”, e concluíu Miñones manifestando que “queda moito por facer pero tamén quédanos case a metade do mandato e oa e as amesás teñen o noso compromiso de traballar a diario para chegar a cumprir cos nosos obxectivos”