Os socialistas de mes celebran a súa primeira xuntanza da Executiva Local na que abordan asunto de organización interna e programan un plan de traballo
É necesario poñer de manifesto o estado de abandono do río Sar por parte da Xunta de Galicia, así como a contaminación existente e a necesidade urxente de solucionar o problema de depuración existente, tanto en Santiago como en Ames.
A nova Executiva Local dos Socialistas de Ames mantivo a súa primeira xuntanza de traballo durante a noite do pasado luns na que abordaron diversos temas relacionados coa organización interna, así como o plan de traballo e actividades para os vindeiros meses.
No comezo da reunión o Secretario Xeral, Blas García, incidiu na importancia desta nova etapa que comeza con esta dirección, xa que “estamos a menos de ano e medio das eleccións municipais e é importante consolidar o traballo realizado polo goberno que preside José Miñones”, trasladou tamén a necesidade que ten o Partido Socialista en Ames de fixar un posicionamento propio e claro, e “ter unha actividade orgánica e pública estable e continuada, na que participe non só a militancia, senón tamén a cidadanía amesá”.
Dentro dos acordos acadados polos membros da Executiva municipal están a realización de dúas xuntanzas mensuais de carácter orgánico e de información municipal. Ademais fixouse un plan de traballo para o período de marzo a xuño no que se programarán diversas actividades e xornadas de carácter informativo e abertas a todos e todas as amesás nas que se falará e debaterá sobre o sistema público de pensións, a igualdade salarial entre homes e mulleres ou a lei de protección animal, é dicir, sobre os temas de actualidade e que máis preocupan aos e ás cidadás.
CONTAMINACIÓN DO RÍO SAR
Dentro do órgano de dirección dos socialistas de Ames tamén se acordou a organización dunha xuntanza de traballo entre os distintos representantes do PSdeG-PSOE na conca do río Sar: Santiago, Ames, Brión, Rois, Padrón e Pontecesures, e á que tamén convocarán a representantes das executivas galega e provincial. A intención dos socialistas é poñer de manifesto o estado de abandono por parte da Xunta de Galicia, así como a contaminación existente e a necesidade urxente de solucionar o problema de depuración existente, tanto en Santiago como en Ames. “O Partido ten que adoptar un posicionamento claro e único para solucionar a contaminación no río Sar, porque non se pode permitir a deixadez e o abandono ao que a Xunta de Galicia ten sometido a este río”, manifestou o presidente do PSdeG de Ames, José Miñones.
PARO FEMINISTA
Noutra orde de cousas, destacar que na citada xuntanza da Executiva Local informouse sobre o paro feminista do vindeiro 8 de marzo, e acordouse apoiar e impulsar este paro de protesta pola desigualdade existente entre homes e mulleres.