As emendas presentadas están relacionadas co ciclo integral da auga, a mellora da seguridade viaria e peonil ou potenciar o Camiño de Santiago ao seu paso por Ames
Ampliación da EDAR de Sisalde, saneamento e abastecemento nas parroquias de Piñeiro e Tapia, mellora da seguridade viaria na AC-453 (Roxos-Portomouro), construción dunha senda peonil no Camiño de Santiago (Camiño Fisterra) e construción dunha senda peonil en Piñeiro (ao carón da AC-453) son as propostas realizadas polos socialistas de Ames.
Miñones ve “imprescindible que se deixen de lado as guerras políticas e todas as consellerías invistan en función das necesidades e duns criterios obxectivos, e non favorecendo a aqueles concellos da mesma cor ideolóxica”García di que o concello de Ames “precisa dunha maior dotación económica para realizar aqueles investimentos demandados pola veciñanza e que son ben coñecidos xa pola administración autonómica porque lle foron trasladados en reiteradas ocasións”
García di que o concello de Ames “precisa dunha maior dotación económica para realizar aqueles investimentos demandados pola veciñanza e que son ben coñecidos xa pola administración autonómica porque lle foron trasladados en reiteradas ocasións”
O PSdeG de Ames presentou a pasada semana, a través do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, unha serie de emendas aos orzamentos propostos dende a Xunta de Galicia de cara o vindeiro ano 2020, xa que consideran que “os investimento previstos para Ames necesitan un impulso importante por parte da administración autonómica, especialmente no relativo a saneamento e abastecemento, seguridade viaria e peonil e a potenciación do Camiño de Santiago, e, lembramos que somos o concello que máis medrou e medra de Galicia durante a última década, ademais de ser o máis mozo”, tal e como salienta o alcalde e presidente dos Socialistas amesáns, José Miñones.
As propostas socialistas para o concello amesán cubren unha serie de necesidades que son de competencia directa da Xunta de Galicia e nas que desde a Xunta non se investiu nada en Ames nos últimos anos, a pesares de que algunhas son peticións reiteradas e incluso promesas de diferentes conselleiros e conselleiras. En palabras do Secretario Xeral, Blas García, o concello de Ames “algunhas das peticións realizadas xa son habituais nos últimos anos, o que pon de manifesto que por parte da Xunta non lle fan demasiado caso ás nosas peticións” e explica “que parece que en certos departamentos autonómicos parece que queren castigar aos e ás amesás por cuestións políticas, sen preocuparlles as necesidades reais que teñen”. Así mesmo, afirma que si existen departamentos autonómicos que si “atenderon as peticións realizadas desde o Goberno municipal, e cabe destacar os investimentos de departamentos como Vicepresidencia, Educación, Cultura ou Sanidade, pero que desde consellerías como Medio Ambiente ou Infraestruturas seguimos aínda esperando”
As emendas socialistas xa foron remitidas ao Grupo Socialista no Parlamento de Galicia para que procure incluílas dentro da proposta definitiva de orzamentos que sairá da cámara autonómica.
PROPOSTA DE EMENDAS ORZAMENTOS XUNTA DE GALICIA
As propostas realizadas polos socialistas recollen investimentos moi necesarios e que se levan reclamando desde a chegada ao Goberno de Ames do PSdeG, ente estes están as seguintes infraestruturas e obras
Ampliación da EDAR de Sisalde
A EDAR de Sisalde da servizo aos concellos de Ames e Brión, e na actualidade está sobrepasada na súa capacidade, xa que foi creada (2001) para atender a 10.000 usuarios e na actualidade atende a 27.000.
Saneamento e abastecemento nas parroquias de Piñeiro e Tapia (Ames) e Troitosende (A Baña)
Actualmente estase a realizar o proxecto, segundo o cal se construiría unha depuradora ao carón da praia fluvial de Tapia (Ames) e daría servizo a dous concellos (Ames e A Baña). Fai anos que os veciños e veciñas das parroquias de Tapia e Piñeiro, en Ames; e, Troitosende, na Baña, levan reclamando o servizo tanto de abastecemento como de saneamento.
Ampliación da rede de abastecemento desde a ETAP de Lens a Milladoiro
No ano 2016 entrou en funcionamento a ETAP de Lens que da servizo aos concellos de Ames e Brión, aínda que na actualidade por un defecto no proxecto construtivo non se pode dar servizo ao núcleo de O Milladoiro, o máis grande do concello. Para iso é necesario dotar a ETAP dunha tubaxe que permita realizar o abastecemento dese núcleo.
Senda peonil de Seguridade en Cruxeiras, Tapia e Piñeiro
Tramos de seguridade peonil en diversos lugares da AC-453, en concreto en Cruxeiras (Ames), Vilouta (Tapia) e Balindo (Piñeiro)
Mellora da seguridade viaria na AC-453 (Roxos-Portomouro)
Estrada cunha elevada cantidade de tráfico, especialmente de camións de alto tonelaxe. Tramos moi estreitos e con moitas curvas perigosas.
Senda peonil Camiño de Santiago (Camiño Fisterra)
O Camiño a Fisterra é un dos que máis medra nos últimos anos, chegando na actualidade a rondar os 70.000 peregrinos e peregrinas, e no concello de Ames existe un tramos na parroquia de Trasmonte (lugares de Carballo, Burgueiros e Reino) que chega ata Ponte Maceira. Este tramos ten problemas de seguridade para os peregrinos xa que vai paralelo a unha estrada municipal que é estreita, con moitas curvas e cambios de rasante.
Proxecto de Interpretación do Camiño de Fisterra
Ao carón do Camiño de Santiago-Fisterra pretendemos a construción dun centro de interpretación deste camiño que cada ano conta cun maior número de peregrinos.
Para o rexidor amesán “é de xustiza que a Xunta de Galicia aposte por aqueles concellos que medramos en poboación e que investimos en políticas sociais e de conciliación, porque temos necesidades de infraestruturas e servizos que son custosos e que necesitan da axuda autonómica para o seu desenvolvemento”, por iso, continua Miñones “é imprescindible que se deixen de lado as guerras políticas e todas as consellerías invistan en función das necesidades e duns criterios obxectivos, e non favorecendo a aqueles concellos da mesma cor ideolóxica”.