Esta tarde celebrouse, por primeira vez na historia do noso concello, un pleno telemático. O pleno ordinario celebrado correspondente ao mes de marzo que quedou pendente debido ao estado de alarma no que nos atopamos como consecuencia da pandemia do Covid-19.
Como puntos importantes desta sesión cabe destacar a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela de 13.167 metros cadrados, necesaria para construír o novo CEIP do Milladoiro. Unha vez superado o trámite de inscrición dos terreos no Rexistro da propiedade, agora tocou aprobar un convenio de colaboración para ceder a parcela á Administración autonómica, para que se ocupe da redacción do proxecto e da licitación das obras de construción. Este punto foi aprobado por unanimidade dos 21 concelleiros e concelleiras da corporación amesá.
Tratouse, tamén, a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do orzamento 2020que quedou en suspenso debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban 2 días para finalizar dita exposición. Este punto foi tamén aprobado por unanimidade.
Para o goberno municipal, tratar de retomar, na medida do posible, a normalidade na administración é unha prioridade. Por iso volver a realizar as sesións plenarias permite a participación e transparencia na toma de decisións importantes, que senón habería que tomar vía decreto de alcaldía.
Pleno retransmitido en directo
O Pleno foi gravado e a aplicación usada permite facer un borrador de acta que tamén se pode converter a formato texto. O pleno puido seguirse en directo vía streaming. Para iso tan só houbo que premer no banner colocado na cabeceira da páxina de inicio da web municipal.