Gonzalo Caballero, un ano despois da constitución dos concellos: “A vitoria nas municipais foi a antesala do cambio político na Xunta de Galicia”

Contrapón o traballo dos máis de 100 alcaldes socialistas fronte a un Feijóo “dedicado a facer anuncios e á súa campaña persoal pero que non ten resposta” ás necesidades da cidadanía.

O alcalde amesán, José Miñones reivindicou unha xestión centrada na “colaboración e non na confrontación”

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, lembrou hoxe en Ames que hoxe cúmprese un ano da constitución dos concellos tralas pasadas eleccións municipais, nas que máis da metade dos galegos apostou por ter un alcalde ou alcaldesa socialista. Por iso, aludiu a esa cita como “a antesala do cambio político en Galicia”, para ter un presidente da Xunta “en sintonía” co goberno de España e coa maioría dos concellos e deputacións de Galicia.

Ao fío diso, o líder dos socialistas galegos defendeu a xestión dos máis de 100 alcaldes e alcaldesas e os máis de 1.000 concelleiros socialistas que gobernan máis da metade da poboación de Galicia como “a mellor proba de que sabemos gobernar”. “Somos o cambio con garantías”, apostilou, antes de sinalar que o traballo nos concellos é “a mellor garantía para afrontar a chegada dun goberno progresista á Xunta de Galicia”.

Gonzalo Caballero sinalou que logo do voto maioritario a favor dos alcaldes e alcaldesas socialistas, o 12X será “o segundo reto en clave galega”. “Para darlle a Galicia o mesmo progreso que está na maioría dos concellos, onde os socialistas somos referencia de progreso”, remachou.

Eses alcaldes e alcaldesas, dixo, “son a mellor garantía fronte aos desastres de Feijóo”, un presidente da Xunta “dedicado a unha campaña de promoción persoal pero que non ten resposta” das necesidades dos galegos e das galegas”. O PP na Xunta, dixo, revelouse como “un desastre para os concellos, que marxinan, que non dan respostas e optan polo sectarismo e o caciquismo do PP”.

“FEIJÓO FAI ANUNCIOS SEN FACER OS DEBERES”

O candidato socialista puxo como exemplo diso “papelón” de Feijóo na desescalada, na que “non cumpre coas súas tarefas” e se dedica a “facer anuncios sen facer os deberes”. Referiuse así á caótica xestión dos centros de día ou ao anuncio de reapertura dos parques infantís para os máis pequenos “sen protocolos nin recursos”.

“Cada día é máis evidente que Feijóo dedicábase a poñerlle deberes ao goberno de España, pero agora quedou sen escusas”, proseguiu, e fixo fincapé no feito de que agora elude as súas responsabilidades “poñendo os deberes aos concellos”. “Pero el non responde nin tan sequera da organización da xornada electoral”, evidenciou.

Por iso, profundou Gonzalo Caballero, “Galicia necesita dun goberno socialista que traballe a carón do goberno progresista de España e en sintonía cos concellos”.

VISITA A AMES

Canto á visita a Ames, Gonzalo Caballero enfatizou o traballo do alcalde, José Miñones, “para desenvolver a calidade de vida” do concello máis mozo de Galicia e un dos que máis medran. ”Un goberno que traballa a prol dos veciños”, destacou.

O propio Miñones reivindicou unha xestión centrada na “colaboración e non na confrontación”, e apelou a conseguir un presidente socialista na Xunta “para evitar os conflitos estériles” provocados por Feijóo e para que “se volva investir” en Ames.

Aludiu así ás acusacións da conselleira de Infraestruturas, que chegou a acusar ao Concello dos retrasos nas obras do novo centro de saúde do Milladoiro cando a realidade é que tiveron que paralizarse “polo retraso no proxecto que tiña que entregar a Xunta” e que impedía desbloquear a acometida de subministro eléctrico e de gas.

O rexedor puntualizou que “somos os primeiros interesados en ter un novo centro de saúde”. De feito, lembrou que o proxecto, aprobado en 2010, estivo paralizado durante os catro anos de goberno municipal do PP entre 2011 e 2015, e que foron de novo os socialistas os que o desbloquearon en 2016. Foi precisamente o seu goberno, engadiu, o que entregou unha parcela municipal para realizar a obra “fundamental” para un núcleo de 14.000 habitantes.

Engadiu que o Concello máis mozo de Galicia precisa dunha resposta acorde dende a Xunta para garantir as infraestruturas necesarias a nivel deportivo, cultural ou mesmo de saneamento, logo de “10 anos agardando pola nova depuradora para Bertamiráns”.