O candidato do PSdeG ás eleccións autonómicas, Gonzalo Caballero, pediulle en Ames a todas e todos os progresistas que “non queden na casa o vindeiro domingo e acudan a votar convencidos de que o cambio é posible se hai mobilización”

“Temos que dar un paso adiante, non nos podemos quedar na casa. Temos a forza, a capacidade, somos máis e temos mellores ideas”, manifestou o candidato socialista

No seu discurso nun acto ao aire libre diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o candidato do PSdeG asegurou encarar a recta final “coas pilas postas”. E avisou que “non vou parar de aquí ao domingo”.

Caballero díxolle aos e ás asistentes ao acto que é imprescindible mobilizar á cidadanía para que o 12 de xullo acuda ás urnas fronte a unha dereita que “non quere que os progresistas vaian votar”. “A Galicia, Galicia, Galicia que repite Feijóo, esa que cre que é da súa propiedade, témoslle que dicir que Galicia non é do PP, que é dos galegos e galegas”, expresou.

Ademais, o socialista, que presentou o seu proxecto para “gobernar a favor de todos os galegos” e non “en contra de ninguén”, avogou por “empezar a reescribir a historia de Galicia en cor” tras “11 anos en branco e negro” con Feijóo. E para iso, defendeu a necesidade dun goberno progresista en Galicia para pilotar unha recuperación na que “ninguén quede atrás” fronte a un PP que nos seus 11 anos de goberno en Galicia optou polo modelo da “privatización”.

Gonzalo Caballero defendeu, tamén, o traballo e a boa xestión que os e as socialistas de Ames están a facer no Goberno municipal, e loubou a capacidade do alcalde amesán José Miñones. Pola súa banda, o alcalde durante a súa intevención manifestou sentirse indignado por ter que acudir a votar o domingo nunhas condicións de risco sanitario, e dixo que o presidente da Xunta non pensa nos galegos e nas galegas, só pensa nas eleccións. Recalcou Miñones a necesidade dun cambio, porque ademais ese cambio vai a beneficiar aos e á amesás, xa que ante o freno que supón o goberno de Núñez Feijóo na Xunta, un goberno de Caballero permitirá desatascar numerosos proxectos paralizados, tales como o Centro de Día ou a depuradora de Sisalde.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña e secretario provincial do PSOE, Valentín González Formoso, puxo en valor o “enorme esforzo” feito polo Goberno de España. Tamén por iso pediu un voto socialista o próximo 12 de xullo que “castigue” a xestión de Feijóo durante a pandemia. Dixo que Galicia xa necesita máis que un cambio, “necesita unha revolución, manifestou.