O Salón de Plenos do Concello acolleu a presentación dos Orzamentos Participativos (OO.PP). O proceso, a través do que a veciñanza pode facer propostas para decidir investimentos, conta cun presuposto de 200.000 euros no Orzamento 2021 do Concello. Ademais dos cartos destinados ao conxunto do rural e á mocidade, este ano os OO.PP incluirán partidas para actividades ou programas dirixidos á muller, á cultura e ao medio. O prazo de presentación de propostas iniciase a próxima semana e anunciarase na web do Concello. As Asembleas Territoriais e Consellos Sectoriais comezarán a finais de agosto e desenvolveranse ao longo do mes de setembro. Publicarase na web a data, lugar e hora de cada asemblea. Por mor da Covid19, nesta edición haberá posibilidade de participación presencial e telemática a través de distintas canles.

O alcalde de Ames José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero e o concelleiro de Participación Cidadá, Víctor Fernández foron os encargados de presentar aos medios o novo proceso de Orzamentos Participativos (OO.PP). Os OO.PP son unha ferramenta de participación, deliberación e xestión na que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte do orzamento municipal.

No transcurso da presentación, o alcalde, José Miñones, manifestou a importancia de aportar ideas e proxectos a través dos Orzamentos Participativos e destacou que aínda que non sexan elixidos para facer a través deste programa quedan aí e poden executarse doutros xeitos: “mantemos a liña doutros e aquelas propostas que non son elixidas para facer a través dos Orzamentos Participativos, ben quedan para outros anos ou ben incluímolas nos plans de obras que facemos con nvestimento municipal, a través de fondos da deputación se son de gran calado ou a través do Ciclo Integral da auga como xa fixemos con case 250.000 euros de investimento”.

Pola súa banda, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero amosou a ilusión que lle facía comezar de novo o proceso de OO.PP: “Comezamos con ilusión os novos OP2020, e imos traballar ademais do noso Rural e Mocidade, en áreas novas como Muller, Cultura e Medioambiente, áreas transversais que enriquecerán sen dúbida a iniciativa dos Participativos. Convidamos a toda a veciñanza a que participe e presente as súas propostas, así como a que se animen a formar parte dos novos órganos de participación que se constituirán e se porán en marcha durante estes meses co fin de poder consolidar esas Asembleas Territoriais e Consellos Sectoriais”.

Víctor Fernández, concelleiro de Participación Cidadá, salientou a importancia das asembleas territoriais que se materializarán en 13, unha por cada unha das parroquias e das vilas de Bertamiráns e Milladoiro; “Lóxicamente é importante a posta en marcha destas asembleas porque son as que van ter a competencia de canalizar as demandas específicas de cada territorio e polo tanto dese xeito trasladar aquelas máis específicas de cada unha ao concello, empezando polas de maior relevancia para poñelas en funcionamento”.

Canto e en que investir
Para a execución dos OP2020, destinaranse no Orzamento 2021 un total de 200.000€. As actuacións desenvolveranse ao longo do 2121 segundo as seguintes cantidades:120.000€ para investimentos no conxunto do rural; 40.000€ para investimentos dirixidos á mocidade; 10.000€ destinados a actividades ou programa dirixidos á mocidade, 10.000€ destinados actividades ou programas dirixidos á muller; 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura; e 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.

A cidadanía poderá decidir investir, por exemplo, en creación de novas infraestruturas (sinalización, mobiliario urbano, paneis informativos, parques, xardíns, fontes, lavadoiros, etc), en repoñer infraestruturas (remodelación de áreas recreativas, espazos naturais, reposición de fontes, de mobiliario urbano ou de equipamentos deportivos, etc), en reformas, acondicionamento e equipamento de edificios e instalacións municipais ou adquisición de software e hardware(aplicacións, plataformas dixitais, equipos informáticos…) Tamén pode decidir investir en programas e actividades que inclúan gastos de adquisición de bens e servizos externos, como, por exemplo, festas,festivais, talleres, formacións, campañas desensibilización, etc.

Quen e como participar
Hai dous xeitos de participar: facendo propostas e votando as propostas. Calquera persoa, sen límite de idade, pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e ter os 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos cumpridos.

Por mor das circunstancias excepcionais provocadas pola COVID-19, nesta edición de orzamentos participativos haberá posibilidade de participación presencial e telemática a través de distintas canles.

Presentación de propostas e prazos
O prazo de presentación de propostas iníciase a semana próxima e anunciarase na Páxina Web do Concello de Ames.

Até mediados de outubro todas as persoas poden informarse na Web do Concellode Ames, www.concellodeames.gal, no teléfono de información 674 805 085 e nasdiferentes Asembleas e xuntanzas informativas. As propostas presentaranse a través do formulario de propostas que estará dispoñible nesta páxina Web Municipal, ou solicitarse en opames2020@cidadania.coop O formulario estará dispoñible tamén nas dependencias municipais e nas Asembleas e xuntanzas informativas. O formulario de propostas poderá presentarse por varios medios, telemáticamente a través da páxina Web Municipal, en opames2020@cidadania.coop , a través do teléfono 674 805 085, nas dependencias municipais e nas asembleas e xuntanzas informativas.

A partir da terceira semana de outubro, unha vez rematado o prazo de presentación de propostaso persoal técnico municipal estudará as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente. As propostas seleccionadas estudaranse e priorizaranse polos órganos de participación recollidos no Regulamento de participación cidadá (Asembleas Territoriais e Consellos Sectoriais). Estes órganos de participación estarán formados polos representantes da veciñanza quesaian escollidos nas distintas Asembleas Territoriais e Consellos Sectoriais. A priorización supón establecer unha orde de relevancia de 10 propostas (como máximo) por cada ámbito.

Como votar as propostas
Na última semana de outubro publicarase a listaxe definitiva das propostas viables para ser seleccionadas por voto electrónico a través dun enlace na páxina Web Municipal habilitado para os orzamentos participativos, ou nos espazos de votación presencial. As propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento Municipal para ser realizadas en 2021.

Cada persoa empadroada en Ames poderá votar nos 6 ámbitos ou partidas de gasto sobre as que se realizaron as propostas: investimentos rural, investimentos mocidade, actividades para mocidade, muller, cultura e medioambiente. Cada persoa votará 3 propostas de cada ámbito ou partida de gasto. Así, asignaránselle 3 puntos á proposta máis valorada, 2 á seguinte e 1 punto á última.

A votación electrónica e a presencial son complementarias. Agora ben, cada persoa só poderá escoller un único sistema de votación: ben a través da plataforma electrónica con acceso dende a Web Municipal, ben a través do voto presencial nos espazos de votación. Comprobarase a validez dos votos unha vez pechado o prazo de votación e eliminaranse todos os votos duplicados que se fagan de maneira presencial e telemática, así como os daquelas persoas que non estean empadroadas.

Asembleas e xuntanzas informativas
As Asembleas territoriais e Consellos Sectoriais informativos comezarán a finais de agosto e desenvolveranse ao longo do mes de setembro. Publicaranse na Web Municipal a data, lugar e hora de cada Asemblea.