A derrogación da ordenanza fiscal de instalación de postos no mercado de rúa foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario que se celebrou onte na Casa do Concello. Tamén por unanimidade foron aprobados o resto dos puntos que compuñan a orde de día, agás a moción do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria e as mocións presentadas por vía de urxencia sobre as medidas de axuda para evitar a quebra dos establecementos (Ames Novo) e as referidas á defensa da orde constitucional e á ocupación ilegal de vivendas (PP). Estas mocións, que saíron adiante con discrepancia de voto, foron os únicos puntos que suscitaron debate e esgotaron todos os tempos de exposición e réplica marcados pola normativa do pleno.
Sen debate nin confrontación foron aprobados onte por unanimidade os oito primeiros puntos da orde do día entre os que se atopaban dous expedientes de investigación patrimonial sobre os camiños en Insua (Agrón) e Lapido (Ortoño), a adhesión do Concello á Rede de entidades locais para desenvolver os obxectivos de desenrolo da Axenda 2030, a devandita derrogación da ordenanza fiscal de instalación de postos no mercado de rúa e a modificación do regulamento das escolas de educación infantil de O Bosque e A Madalena.
O punto de confrontación chegou coa proposta do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria que rematou por converter ao salón de plenos nunha ágora de debate sobre os distintos modelos de atención á saúde, a conveniencia ou o abuso das consultas a través do teléfono, as listas de garda e o papel e a xestión dos centros de atención primaria. Finalmente, e após de esgotar todas as quendas de exposición e réplica, a moción foi aprobada cos votos a favor de Ames Novo e os grupos que conforman o goberno: PSOE, BNG e Contigo Podemos, a abstención de Ciudadanos e o voto en contra do Partido Popular.
Intenso debate na moción sobre a orde constitucional
Debate e discrepancia xurdiron tamén no momento de tratar a moción que o PP presentara por vía de urxencia e na que se instaba ao pleno a defender a orde constitucional. Na exposición de motivos, o voceiro do PP, Ramón García Argibay, lembrou como na transición España foi admirada internacionalmente por lograr pasar de xeito exemplar dunha ditadura a unha democracia e defendeu o papel da Carta Magna como forma suprema de ordenamento xurídico español que “establece os deberes e dereitos dos españois, fixa as institucións básicas da nosa democracia como son a coroa, as Cortes Xerais, o Goberno e o Poder Xudicial”.
A unidade de España, a separación de poderes e a vixencia ou necesidade de reforma da carta magna serviron como argumentos de discordancia e tamén deron algúns dos momentos de máis hilaridade da sesión plenaria. José Ramón Oulego de Ciudadanos salientou a necesidade de defender a orde constitucional e a separación de poderes. Quique Costas de Ames Novo dixo que a exposición estaba chea de “obviedades escollidas e falsidades”. Vanessa Vidal, de Contigo Podemos, apuntou que “xa está ben de crear conflitos inexistentes”. David Santomil, do BNG, comentou que na exposición de motivos pareceulle estar escoitando a Federico Jiménez Losantos con banda sonora de Tony Lomba e a súa canción “España, España, Bandera, Bandera” e Blas García, do PSOE, convidou á xente que asistía ao pleno vía streaming a aproveitar o momento para ir picar algo, porque este tipo de iniciativas que presentaba o PP carecían de interese. Na súa segunda quenda o portavoz socialista explicou que el cando visitaba o concello ou falaba coa veciñanza “ninguén me pregunta pola orde constitucional ou a monarquía, a veciñanza está preocupada por outras cousas que lle afectan máis: o paro, a crise sanitaria, que non os atendan no centro de saúde, etc.”. Finalmente a moción foi aprobada cos votos a favor do PP e Ciudadanos, a abstención do PSOE e do BNG e os votos en contra dos concelleiros de Contigo Podemos e Ames Novo.
Mocións sobre o dereito constitucional á propiedade privada e para pedir apoios aos establecementos
Tamén suscitou debate a outra moción presentada polo Partido Popular pola vía de urxencia e na que se instaba ao Goberno de España a aprobar de maneira urxente unha lei que garanta o dereito constitucional á propiedade privada e combata eficazmente a ocupación ilegal de vivendas. Diverxencias sobre o concepto de ocupación, os números e as porcentaxes e a lexislación existente centraron as quendas de intervención de debate. Finalmente a moción foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e Ciudadanos, en contra de Ames Novo e a abstención de PSOE, BNG e Contigo Podemos.
Ames Novo presentou tamén unha moción pola vía de urxencia na que se pedía que a Xunta adoptase con urxencia medidas que axudaran a quebra e peche definitivo dos establecementos que más veñen padecendo o efecto das medidas restritivas adoptadas no país, no noso concello e na hostalaría do Milladoiro. A petición do voceiro do Partido Popular, a presentación da moción foi redactada de novo para incluír referencias a todo o territorio galego. A inclusión da palabra “país” provocou o cambio de voto de Ciudadanos que finalmente abstívose, malia ter anunciado o seu voto a favor. O resto dos grupos votaron a favor.
Por último, no apartado de Rogos e Preguntas, o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, preguntou pola posibilidade de que, namentres dure a situación de pandemia, as sesións plenarias e xuntanzas de voceiros poidan celebrarse vía telemática.