O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, informa de que o pasado venres, 6 de novembro, quedaron rematadas as obras de instalación do Centro de seccionamento e conexión á liña de media tensión do centro de saúde do Milladoiro, así como a presentación da documentación necesaria en Fenosa e Industria para poder tramitar a alta definitiva. As obras realizadas polo Concello de Ames xa foron cedidas a Unión Fenosa Distribución, tal e como di a normativa.

Segundo as últimas conversas mantidas por parte do Concello coa Axencia galega de Infraestruturas (AXI) queda pendente a cesión pola súa parte do Centro de Transformación a Unión Fenosa Distribución. De igual xeito depende de Industria (Xunta de Galicia) a aprobación definitiva da instalación da liña.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “desta situación de remate das obras informouse xa á Axencia Galega de Infraestruturas e á Consellería de Sanidade, polo que agora mesmo todo o que o Concello de Ames se comprometeu a facer, aínda que non eran da súa competencia, xa está executado, polo que agora a pelota está enriba do tellado da Xunta. De todos os xeitos, o Concello de Ames repercutirá o custe destas obras relativas á instalación do Centro de seccionamento á Xunta de Galicia, xa que consideramos que non tería que asumilas o Concello”.

Cómpre lembrar que os traballos realizados por parte do Concello para dotar ao centro de saúde do Milladoiro de saneamento e abastecemento de auga, así como de rede eléctrica e de telecomunicacións, están rematados dende o pasado 8 de xullo. Tras a execución de ditos traballos tan só quedaban pendentes as obras da acometida da rede de gas, que foron finalizadas o pasado 10 de agosto.

Tamén se instalou un tubo poroso, por un lateral da parcela, para recoller as augas pluviais, que se recollerán pola parte traseira da parcela co obxectivo de que as pluviais teñan un correcto desaugue. Ademais, asfaltáronse os viarios que se abriron ao redor do centro de saúde e colocáronse as sinais de tráfico correspondentes.