As emendas presentadas están relacionadas co ciclo integral da auga, a mellora da seguridade viaria e peonil ou potenciar o Camiño de Santiago ao seu paso por Ames
Ampliación da EDAR de Sisalde, saneamento e abastecemento nas parroquias de Piñeiro e Tapia, posta en marcha dun Centro de Día, mellora da seguridade viaria en diferentes estradas que pertencen á Xunta, construción dunha senda peonil no Camiño de Santiago (Camiño Fisterra) e construción dunha senda peonil en Piñeiro (ao carón da AC-453) son as propostas realizadas polos socialistas de Ames para o ano 2021.
Miñones ve “necesario que a Xunta destine os investimentos dun xeito obxectivo, deixando a un lado as guerras políticas, e desenvolva os proxectos en función das necesidades reais dos municipios, evitando favorecer unicamente aos concellos da mesma cor ideolóxica”.
García di que o Concello de Ames “precisa recibir xa unha maior dotación económica por parte da Xunta, tendo en conta o crecemento continuado do noso municipio, no que urxe realizar aqueles investimentos demandados pola veciñanza e que son ben coñecidos pola administración autonómica xa que foron trasladados en reiteradas ocasións”.
O PSdeG de Ames ven de presentar as emendas aos orzamentos propostos dende a Xunta de Galicia de cara o vindeiro ano 2021, xa que consideran que “é necesario dar un importante impulso aos investimentos que precisa o Concello de Ames por parte da administración autonómica, especialmente no relativo a saneamento e abastecemento, seguridade viaria e peonil e a potenciación do Camiño de Santiago, e, lembramos que somos o concello que máis medrou e medra de Galicia durante a última década, ademais de ser o máis mozo”, tal e como destaca o alcalde amesá, José Miñones.
As propostas socialistas para o concello amesán cubren unha serie de necesidades que son de competencia directa da Xunta de Galicia e nas que desde a Xunta non se investiu nada en Ames nos últimos anos, a pesares de que algunhas son peticións reiteradas e incluso promesas de diferentes conselleiros e conselleiras. En palabras do Secretario Xeral, Blas García, o concello de Ames ” a Xunta xa é coñecedora das peticións realizadas, posto que son reiteradamente lembradas polo goberno municipal amesá. O tratamento que recibe Ames, nos orzamentos de Feijoo, poñen de manifesto que por parte da Xunta de Galicia non prestan ou non queren prestar demasiada atención ás nosas peticións” e tamén destaca “que parece que en certos departamentos da Xunta de Galicia, teñen a intención de castigar aos e ás amesás por cuestións políticas, sen preocuparlles as necesidades reais que teñen”.
As emendas socialistas xa foron remitidas ao Grupo Socialista no Parlamento de Galicia para que procure incluílas dentro da proposta definitiva de orzamentos que sairá da cámara autonómica.
PROPOSTA DE EMENDAS ORZAMENTOS XUNTA DE GALICIA
As propostas realizadas polos socialistas recollen investimentos moi necesarios e que se levan reclamando desde a chegada ao Goberno de Ames do PSdeG, ente estes están as seguintes infraestruturas e obras
Elaboración do proxecto e ampliación da EDAR de Sisalde
A EDAR de Sisalde da servizo aos concellos de Ames e Brión, e na actualidade está sobrepasada na súa capacidade, xa que foi creada (2001) para atender a 10.000 usuarios e na actualidade atende a 27.000.
Canalización de abastecemento para levar auga ao Milladoiro
Na actualidade a nova ETAP non conta coa infraestrutura necesaria e non está a prestar o servizo a máis da metade do Concello, por iso é preciso a construción dunha canalización de abastecemento para levar a auga dende á potabilizadora de Lens ata núcleo de O Milladoiro.
Saneamento e abastecemento nas parroquias de Piñeiro e Tapia (Ames) e Troitosende (A Baña)
Actualmente estase a realizar o proxecto, segundo o cal se construiría unha depuradora ao carón da praia fluvial de Tapia (Ames) e daría servizo a dous concellos (Ames e A Baña). Fai anos que os veciños e veciñas das parroquias de Tapia e Piñeiro, en Ames; e, Troitosende, na Baña, levan reclamando o servizo tanto de abastecemento como de saneamento. Esta infraestrutura daría servizo a máis de 600 veciños e veciñas.
Senda peonil en Piñeiro
Creación dunha senda dun tramo de 1,5 km na AC-453, para dese xeito unir o lugar de Balindo (Piñeiro) e Portomouro (Val do Dubra), para que a veciñanza poida desprazarse a pé ata o núcleo veciño de Portomouro.
Mellora da seguridade viaria na AC-453 (Roxos-Portomouro)
Estrada cunha elevada cantidade de tráfico, especialmente de camións de alto tonelaxe. Tramos moi estreitos e con moitas curvas perigosas.
Senda peonil Camiño de Santiago (Camiño Fisterra)
O Camiño a Fisterra é un dos que máis medra nos últimos anos, chegando na actualidade a rondar os 70.000 peregrinos e peregrinas, e no concello de Ames existe un tramos na parroquia de Trasmonte (lugares de Carballo, Burgueiros e Reino) que chega ata Ponte Maceira. Este tramos ten problemas de seguridade para os peregrinos xa que vai paralelo a unha estrada municipal que é estreita, con moitas curvas e cambios de rasante.
Melloras na seguridade viaria da estrada que une Bertamiráns co concello de Negreira AC-544
Tendo en conta que a estrada AC-544 soporta un importante tráfico, ao unir os núcleos de Bertamiráns o Concello de Negreira, consideramos preciso incrementar a seguridade desta vía, posto que xa se teñen producido varios accidentes.
Pavillón de Ames
Novo espazo deportivo cuberto que compense que compense a perda de espazo deportivo q actual e a demanda existente do centro que usa instalacións municipais.
Centro de día
Posta en marcha dun centro de día para maiores, tendo en conta o aumento da nosa poboación da que tamén forma parte a terceira idade.