O PSdeG-PSOE de Ames, insiste na necesidade de que a Xunta, que ten competencias na materia, actualice a cantidade que aporta aos concellos para facer fronte a un servizo esencial como é o de axuda no fogar

O Grupo Municipal socialista de Ames, levará ao Pleno Ordinario que terá lugar o 25 de febreiro unha moción para instar, unha vez máis, á Xunta de Galicia a que incremente de xeito inminente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que están a xestionar os Concellos, xa que a contía que ven aportando a administración autonómica non se incrementa dende o ano 2012.

Segundo afirma Blas García, portavoz municipal do PSOE de Ames, “é urxente que a Xunta de Galicia se implique de verdade con este servizo que é vital para a nosa veciñanza, sobre todo nun momento coma o actual, no que, a causa da pandemia da COVID 19, os Concellos tivemos que intensificar as tarefas destinadas a protexer as veciñas e veciños máis vulnerables, cuestión que loxicamente conlevou un incremento do gasto na área dos servizos sociais”.

O socialistas defenden que o Servizo de Axuda no Fogar “é un recurso esencial para que os nosos maiores e dependentes continúen no seu entorno; é un piares básicos do estado de benestar e considerámolo un dos servizos emblemáticos dos nosos servizos sociais ata o punto que para nos non é un servizo mais senón un dereito”.

Luisa Feijóo, secretaria de Política Social do PSdeG-PSOE de Ames tamén destaca que “na última década puidemos ver como o prezo/hora do servizo aumentou considerablemente alcanzando unha media de 20€/hora, o que permite unha gran mellora no servizo, unha maior profesionalización e unhas mellores condicións laborais para un sector xa de por si precarizado e feminizado, mentres que a aportación da Xunta de Galicia segue a ser a mesma: 9,7€/hora como máximo, tendo que poñer os Concellos máis do dobre do custe do servizo provocando un gran esforzo económico por parte dos mesmos”.

Asi mesmo, Feijóo incide en que “é máis necesario que nunca unha actualización do copago por parte da Xunta de Galicia para un reequilibrio no financiamento do SAF que evite así o afogamento económico dos Concellos e garanta unha mellora no servizo así como reformulación do mesmo revisando e mellorando as condicións de traballo dos e das profesionais do servizo, incorporando novos profesionais,…”

Máis competencias para os concellos

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Blas García, fai balance de todas as competencias impropias que cada vez deben de asumir os concellos e que non contan co financiamento necesario para poder asumilas, o que está a xerar unha “quebra financieira nos concellos ao ter que asumir gastos que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia”; e pon como exemplos este do SAF; os gastos en Educación, onde os concellos asumen as facturas de electricidade, calefacción, limpeza, conserxería e mantemento dos centros; emprego, velutinas, transporte,saneamento e abastecemento en instalacións declaradas de interese autonómico, a pesares de que neste caso estamos a cobrar o canon da Auga, que temos que ingresarlle a Augas de Galicia, etc. “En definitiva, que a Xunta cede aos concellos a xestión dunha serie de competencias que non son nosas, e que debería de asumir a administración autonómica”, manifesta Blas García.