O Secretario Xeral de Ames, Blas García, di que “é un respaldo ao gran traballo realizado nestes anos polo alcalde amesán, e tamén un premio para unha maneira de facer política.

Agradecen á Executiva Federal do PSOE e a Pedro Sánchez ter presente a Ames e valorar de maneira tan clara a tarefa e o esforzo realizado durante estes anos de Goberno municipal

O PSdeG-PSOE de Ames valora de xeito moi positivo que o alcalde de Ames, José Miñones, sexa un dos 12 poñentes designados esta mañá pola Comisión Permanente da Executiva Federal do PSOE, e ademais o único galego que terá esa honra. Miñones será o responsable de traballar na área que falará sobre a “España Municipal e o Mundo Rural”, que se presentará no 40º Congreso Federal socialista que se celebrará en Valencia os vindeiros 15, 16 e 17 de outubro; previamente deberá celebrarse un Comité Federal, no mes de xullo, e as respectivas Conferencias sectoriais nas que se debaterán as respectivas Ponencias Marco nas que se fixarán a políticas socialistas para o futuro máis inmediato.

O Secretario Xeral dos e das Socialistas de Ames, Blas García, manifesta a súa alegría polo anuncio feito esta mañá polo Secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, e di que “é un respaldo ao gran traballo realizado nestes anos polo alcalde amesán, e tamén un premio para unha maneira de facer política baseada no diálogo, a dedicación, a transparencia, o consenso e o talante”. “Estes case seis anos ao fronte da alcaldía fixeron que Jose Miñones se convertese nun referente do Socialismo galego, e nun gran coñecedor da política municipal do noso país, polo que esta elección non colle por sorpresa a ninguén dos que traballamos a diario con el”, remata dicindo García.

Os e as Socialistas danlle as grazas á Executiva Federal do PSOE, e sobre todo ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que visitou o noso concello nun par de ocasións (anos 2014 e 2016) por ter presente a Ames e valorar de maneira tan clara a tarefa e o esforzo realizado durante estes anos de Goberno municipal, onde a pesares de estar composto por tres forzas políticas distintas, e no primeiro mandato en minoría, fomos capaces de entendernos e xestionar como un único partido, antepoñendo sempre o interese dos e das veciñas do noso concello, e fomos capaces de pasar dunha época escura e cargada de problemas e enfrontamentos a unha etapa na que se abriron as ventás, se priorizaron as persoas e se planificou o presente e o futuro.