No día de onte, celebrouse na sede socialista de Ames, a asamblea extraordinaria destinada á renovar a executiva local do PSdeG-PSOE, onde se ratificou ao alcalde de Ames, Blas García como secretario xeral e a José Miñones, actual Delegado do Goberno en Galicia, como presidente da agrupación

A candidatura encabezada por García foi a única presentada, e resultou elixida por unanimidade; nela ademais de Miñones, acompáñano como vicesecretarios xerais os concelleiros Susana Señorís e Victor Fernandez.

Por outra banda Luisa Feijoo, voceira municipal continúa como responsable de Políticas Sociais, e entran a formar parte da executiva a concelleira Ana Paz que se encargará da Secretaría de Promoción Económica e o concelleiro Manuel Lens como secretario estudos, programas e medio ambiente.

Elisa Suárez continúa ao fronte da área de Organización; asi como Francisco Villaverde, en Relacións Institucionais; Isabel González que agora asumirá a secretaría de Política Municipal, Carlos Trias, en Economía; José Pazos Balsa, Desenvolvemento Rural e Ofelia Mayo como Secretaría de Mobilización.

Á nova dirección súmanse Ines Olmo en Educación; Gustavo Nieto, en Relacións coa Militancia e Alvaro Negreira con Formación e Emprego.

O secretario xeral, Blas García, amosou o seu agradecemento pola reelección e o apoio unánime recibido na asemblea e polo traballo de tódalas compañeiras e tódolos compañeiros.

Por outra banda, García tamén destacou que “imos poñendo fin a unha etapa marcada pola COVID e polo tanto a imposibilidade de realizar xuntanzas e outras actividades, aínda así cabe destacar neste mandato da executiva saínte as dúas festas socialistas celebradas en Ortoño e Cruxeiras, o cambio da Casa do Pobo para o Milladoiro ou os 5 procesos electorais celebrados (2 xerais, 1 europeas, 1 municipal, 1 autonómico) nos que a valoración é moi positiva xa que en todos eles fomos primeira forza, coa excepción das autonómicas. Sendo de destacar especialmente o magnífico resultado das municipais onde duplicamos os resultados.

Nesta nova etapa que se abre, esperamos poder voltar a realizar a nosa actividade con normalidade, e recuperar a posibilidade de volver a abrir a Casa do Pobo do Milladoiro de xeito habitual para atender á veciñanza. E, sen dúbida, o obxectivo máis importante son as eleccións municipais onde traballaremos para manter a alcaldía”.

Comité Provincial e Nacional

Na mesma asemblea tamén se elixiron os representantes dos Socialistas amesás no Comité Provincial e no Comité Nacional. Para o órgano provincial resultaron elixidos o propio Blas García, Inés Olmo González e Gustavo Nieto Santiago; mentras que para o máximo órgano do PSdeG elixiron a Francisco Villaverde e Eva Tomé Sieira.