As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) estiveron en Ames recollendo firmas para unha ILP (precisan 2500) que busca mellorar a conexión interurbana no país. Baixo o lema “aBUSar nunca foi TRENdencia” alertaban do abandono do rural acompañados do Alcalde, Blas García, nun momento de extrema delicadeza pola crise enerxética.

Antón Rivas, secretario xeral de XSG-Ames, denunciou a “precariedade do servizo de transporte público na Galiza que afonda na dificultade da mocidade da vila, con problemas económicos, de poderse desprazar sen problemas”.

Xurxo Doval, secretario xeral nacional, animou a Rueda a “deixarse de augas tibias e que amose que sabe cales son as súas competencias, rachando co sistema monopolístico e sacando bonificacións con fondos propios”.

Ademais, o líder nacional, advertiu que “son varios os servizos esenciais, como as liñas nocturnas, que desapareceron cando cumprían unha segunda función importante: a seguridade vial nas festas das vilas”.

Blas García, alcalde de Ames, apoiou a iniciativa remarcando que “Ames é o concello máis mozo de toda Galiza, polo que nos vemos recoñecidos nesta ILP, porque nós sufrimos estes problemas que hai co transporte metropolitano nesta comarca”.

O alcalde da localidade sinalou a importancia do transporte xa que “é o principal medio para a mocidade que vai estudar a Santiago todos os días, ou por motivos laborais, e que a día de hoxe non dispoñemos dun servizo en condicións nin dende Milladoiro como de Bertamiráns”.