- O proxecto dos Sendeiros Escolares conectará os núcleos urbanos cos centros de ensino e estará co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames.
O Concello de Ames presentou oficialmente este xoves, 15 de setembro, o proxecto “Sendeiros Escolares de Ames”. Esta iniciativa, contemplada como unha das liñas prioritarias de actuación do goberno local na ‘Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames’, está en fase de licitación polo que será desenvolta nos vindeiros meses. O obxectivo primordial do programa é crear rutas escolares seguras que conecten os distintas centros educativos cos cascos urbanos, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns.
Blas García —Alcalde do Concello de Ames— estivo acompañado no acto de presentación pola concelleira de tráfico, mobilidade e transporte do Concello de Ames, Beatriz Martínez, así como tamén polos redactores do proxecto Ángel e Samuel Folgueral (Sepia Técnicos SL). O rexedor socialista manifestou durante a súa intervención a necesidade de non desaproveitar “a oportunidade de posicionarnos como un lugar atractivo, estimulante, didáctico, sano, amable e seguro para os máis novos. Porque aí empeza todo. As políticas e medidas deseñadas para beneficiar aos rapaces acaban mellorando a vida de toda a poboación”.
A realización dos “Sendeiros Escolares de Ames” ciméntase na necesidade de adecuarse aos patróns de mobilidade urbana do século XXI así como de adaptarse ao crecemento e desenvolvemento propio do Concello de Ames, onde varios centros educativos do municipio se atopan nas contornas dos núcleos urbanos. Porén, esta rede de camiños ofrece alternativas viables e seguras ao uso do vehículo privado, medio de transporte frecuentemente utilizado neste tipo de desprazamentos. Deste xeito, os nenos e nenas que así o desexen poderán acudir regularmente ao seu centro educativo a pé ou en bicicleta realizando o traxecto en compañía dos seus compañeiros. Non obstante, o alcalde de Ames, Blas García, destacou que “isto non é so unha cuestión de vontade ou de conciencia individual. Para que isto sexa posible, o apoio das institucións e dos gobernos é imprescindible”.
A concelleira encargada deste proxecto, Beatriz Martínez, reafirmou os múltiples beneficios dun espazo público humanizado e adaptado ás necesidades dos estudantes do municipio: “Mellorar a saúde física e psicolóxica dos nosos rapaces e rapazas, e contribuír a educalos como futuros adultos responsables, autónomos e independentes é en si mesmo un obxectivo irrenunciable para este Concello” —indicou Beatriz Martínez durante a súa exposición.
Esta actuación promovida polo Concello de Ames forma parte dunha estratexia integral ideada para favorecer unha mobilidade sostible que non só beneficia e protexe aos rapaces e rapazas do municipio, senón a calquera cidadán que queira realizar os seus desprazamentos e paseos a través destas vías seguras.
Unha cidade axeitada para nenas e nenos… é unha cidade boa para todos — Francesco Tonucci