• As Xuventudes Socialistas de Ames recollen o sentir da poboación amesá sobre os problemas continuos no transporte metropolitano e buscan o seu apoio nunha campaña para mellorar as conexións interurbanas.

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ames, Antón Rivas, denunciou recentemente os problemas no transporte público que sofren milleiros de persoas galegas, sinalando que “isto non é un problema puntual, nin exclusivo dun único municipio, senón unha política que amosa o abandono da Xunta de Galicia por ofrecer un servizo de transporte público de calidade”.

A falta de frecuencias nas liñas que conectan Ames con Santiago de Compostela, especialmente nas horas principais da mañá, “está deixando en terra a decenas de persoas cada día da semana”. A importancia desta problemática refléxase especialmente na xente nova, xa que o servizo de transporte metropolitano é “o medio principal de transporte para aquelas persoas que van a estudar a Santiago de Compostela” —sinalou o Alcalde de Ames, Blas García. Pero tamén afecta de forma notable ao colectivo de persoas traballadoras que “se desprazan á capital para acudir aos seus postos de traballo”.

Para Antón Rivas, así como para outros rapaces e rapazas de Ames, a precariedade do servizo de transporte público en Galicia incrementa a dificultade para poder desprazarse sen contratempos: “entendemos que é inadmisible que, día tras día, estudantes e traballadores teñan que ir á parada de autobús sen saber se realmente poderán chegar á universidade ou aos seus postos de traballo a tempo debido a que non hai prazas suficientes nos autobuses”.

Dáse, entón, unha situación paradóxica. Existe un bo número de usuarias e usuarios que queren usar o transporte público pero debido ás constantes trabas (incumprimento de horarios, amoreamento de viaxeiros, liñas insuficientes, falta de accesibilidade…) deciden usar o vehículo privado. Por iso, se procuramos avanzar cara unha mobilidade sostible debemos ter en conta non só a quen usa o transporte público, senón a quen quere usalo pero non pode facelo na actualidade.

Mentres o Partido Popular, á fronte da Xunta de Galicia, non solucione os problemas relacionados cos horarios, frecuencias e número de prazas no transporte de autobús, as Xuventudes Socialistas de Ames seguiremos mobilizándonos e demandando un servizo de transporte público de calidade que favoreza as necesidades da cidadanía.